Opinión

Francisco Domínguez

Luís A. Mestre

No ano do centenario do falecemento dun vigués egrexio

Fixo cen anos o 9 de abril de 1921, falecía en Vigo Luís Antonio Mestre Hernández , un vigués de adopción nacido en La Habana, a quen os seus pais trouxeron para Galicia cando tiña dous anos. A familia estableceuse en Vigo e no Grove onde explotaron entre outros negocios os baños da Toxa. Mestre foi un poeta de asentada vocación que con dezanove anos xa era un prolífico escritor de versos e un namorado de Vigo ao que lle dedica un poema co título “Canto a Vigo” e participa posteriormente na obra colectiva “Guía del forastero en Vigo. Escrita en verso por unos cuantos araganes”, coordinada por Teodosio Vesteiro Torres . Destacou como poeta con moitos premios obtidos fora e dentro de Galicia.

Luís A. Mestre

Luís A. Mestre / Francisco Domínguez

Presidente executivo do Centro Republicano de Vigo, federalista de Pi i Margall, así como amigo e admirador do prócer vigués Eduardo Chao, alén de membro co nome simbólico de “Garibaldi” e o título de orador da loxia masónica viguesa Hiram, denominación tomada da Biblia dun dos construtores do templo de Salomón. Na nosa cidade foi en 1903 o primeiro cónsul da recién nacida república independente cubana e posteirormente cónsul de Guatemala desde 1907 ata a súa morte en 1921. O recentemente falecido Gerardo González Martín ten escrito sobre el no boletín Glaucopis “... ninguno capaz de recibir tanto afecto y tantas lisonjas por su trabajo...”.

Xosé María Álvarez Blázquez, un dos mellores estudosos da historia do periodismo vigués, que foi cronista da cidade olívica, sinálao como un destacado editor e redactor de periódicos. Fundador de maneira filantrópica de La Caridad-El Desengaño” (1872), El Mirlo (1872), Pero-Grullo (1881), Vigo Cómico (1881), La Víbora (1887). Ademais dei colaborador de varios dos periódicos liberal-republicáns que viron a luz no fecundo Vigo do século XIX, entre eles: La Concordia, descendente de La Oliva y El Miño; Diario de Vigo, excomungado por decreto do Bispo de Tui; El Independiente; La Coalicción Republicana; La República e La Vanguardia, todos eles do último terzo do século XIX.

Luís A. Mestre case non empregou o galego na súa poesía e no seus escritos periodísticos, non obstante ten o grande mérito de ter apoiado a moitas das figuras da cultura galega naqueles momentos do Rexurdimento. No libro La Ciudad y los días e no traballo La prensa periódica viguesa en el siglo XIX, en Vigo en su historia, do mentado Xosé María Álvarez Blázquez, destácase a importancia que o periódico La Caridad-El Desengaño” (1872) tivo para o recén nacido movemento de recuperación da nosa nosa lingua. Nel viron a luz escritos de Juan Manuel Pintos Villar, Emilio Álvarez Giménez, Valentín Lamas Carvajal, Alfredo Vicenti, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Teodosio Vesteiro Torres, etc. É unha lástima que se teña extraviado a colección dos 86 números que el consultou. A axuda prestada veuse recoñecida co nomeamento de membro correspondente da Real Academia Galega.

Jaime Solá Mestre fundador da Revista Vida Gallega sentía por el grande admiración. Era seu tío e del recibiu moito do alento periodístico que o caracterizou, mais un apoio especial, incluso económico, para poñer en marcha a citada revista. A el lle dedicou Solá algunhas das súas obras.

Este destacado vigués que viviu a cabalo dos séculos XIX e XX, é ben merecente de que fagamos memoria del ao cumprírense os cen anos do seu pasamento como figura xenerosa e comprometida coa súa cidade e co seu tempo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents