Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Australia nuclear

Con certeza, coido que han de ser uns cantos (ou moitos) aqueles de entre Vdes. que contemplaron nalgunha ocasión un, ou varios, dos filmes da ‘mini saga’ “Mad Max”. Xa saben: as terras australianas percibidas como o distópico espazo para os sobrevivintes do holocausto atómico, algo que tamén acontecía en “A hora final” ou “Tormenta silenciosa”. Australia nuclear, pois; Australia moi lonxe de nós. Ou... talvez suceda que non o está tanto?

Cunha frota actual de superficie de certo alcance, hai xa cousa de doce anos que o goberno australiano elaborou un libro branco arredor da futura defensa do país de cara a un horizonte situado no ano 2030. Xa que logo, as fragatas da clase “Hunter”; os destrutores da clase “Hobart” e aínda outra serie de embarcacións menores haberán de asegurar, de acordo co informe citado- unha crecente presenza da Royal Australian Navy nas augas do Pacífico e aínda nesoutras do Índico. Mais con todo, o “proxecto estrela” non radicaba/radica tanto nesa forza citada de “augas azuis” como nesoutra constituída pola frota de submarinos, e foi xa, entón, por volta de 2007 o momento no que o goberno australiano decidiu renovar as seis unidades da clase “Collins” coas que daquela contaba. O novo modelo escollido veu resultar a clase “Attack” –un total de doce unidades–, de deseño francés. Porén, e como todos os lectores destas crónicas coñecen dabondo, o primeiro ministro Scott Morrison vén de anunicar recentemente a fin dese programa e mais a súa substitución polo acordo Aukus –Australia, Reino Unido e, de xeito decisivo, os Estados Unidos– que dotará a armada australiana de SSN; isto é, submarinos de propulsión nuclear (se ben que non armados con armas atómicas, como si acontece, mentres, no caso dos SSBN). En fin; tal parece que para a Francia de Emmanuel Macron, a reviravolta austral conforme toda unha traxedia nacional.

Así pois, unha futura Australia –a armada do país austral– nuclear. Pero por que e para que?

Rematada a Segunda Guerra Mundial, as augas –que non as terras: Corea, Vietnam...– do Pacífico semellaron durante décadas responder de veras ao seu nome. En efecto, co Xapón absolutamente incapaz de poder xerar un novo affaire Pearl Harbor; coa Unión Soviética apenas “respirando” por Vladisvostk, nada serio se lles foi opoñer –polo menos, na superficie– ás todopoderosas Terceira e Sétima Frota dos USA. De tal xeito, desde as costas de Taiwan deica esoutras de California, ben puideron considerar en Washington que, mellor que un océano, o Pacífico devira nunha sorte de novo “Mare Nostrum” ou, máis ben, noutro grande lago americano.

Agora ben; se a Unión Soviética -e mais a súa sucesora, Rusia-, e por razóns xeográficas, dificilmente puideron/poden disputar a supremacía marítima (outra cousa é se o Ártico se chega abrir á navegación), tal non vén ser o caso cando falamos da moi emerxente República Popular de China. En efecto, con dous portaavións en servizo e co proxecto “Tipo 004” en marcha –catro naves desa clase: propulsión nuclear mariña; 100.000 toneladas e 70-100 aeronaves de combate embarcadas,cada unha; e todo iso sen contarmos aínda cos sete SSBN en activo e mais cos novos “Tipo 096” en construción avanzada– a candidatura chinesa non vai, desde logo, de farol. En consecuencia, e desde a perspectiva USA, xa é (moita) hora de reaccionar; como pais aliado que está situado na primeira liña da nova xeoestratexia, a Australia tócalle comprometerse. E en serio, nada de sucedáneos.

E Francia/Europa? Agora qué? Non; malia todos os brexit, non van deixar os americanos a OTAN e retirarse, sen máis, para o outro lado do Canal. Iso si; Europa, na nova xeira, ben pode resultar un teatro “secundario” respecto dese “principal” que se está a erguer no Pacífico. Canto aos franceses, iso tamén, cabe agardar que deberán axustar os seus soños de “grandeur”. Non sei eu, pero ao mellor o presidente Macron si que vai ter que conxurar polas noites o espectro do xeneral De Gaulle.

Compartir el artículo

stats