Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

O profesor Barreiro Fernández no congreso Pardo Bazán

Efectivamente, o profesor Xosé R. Barreiro Fernández, falecido na madrugada do 17 de marzo marzo de 2021, estivo presente na inauguración do Congreso “Emilia Pardo Bazán no seu centenario” o día 22 de setembro. Foi unha presenza real conquistada pola súa obra e polo seu traballo xeneroso no campo da historiografía. Na cartografía da súa traxectoria investigadora figura como filosofía inspiradora a procura de fontes lexitimadoras de Galicia como nación. Os seus estudos sobre o liberalismo, o carlismo galego ou o levantamento de 1846 renovaron a comprensión do século XIX en Galicia e levantaron acta dunha cultura invisibilizada que nos fixo máis libres, consciente de que quen descoñece o pasado do país no que vive semella estar privado de dereitos civís e culturais. Acoutou, co seu estudo, un territorio como fai a marea alta, que deixa a mallante de argazo e correolas como testigo.

Non obstante á hora de trazar o perfil intelectual do profesor Barreiro de maneira sintética é doado falar da súa poética historiográfica da mesma maneira que o hispanista alemán Christoph Strosetzki estudou a poética da historiografía do Renacemento. Probablemente a obra que mellor reflicte esta poética é a biografía de Murguía (2012), obra de madurez que aglutina unha vasta erudición e unha metodoloxía innovadora. Desde a antigüidade clásica a diferencia entre biografía e historia foi valorada de maneira polémica, como pugna entre dous xéneros da memoria. Non correron bos tempos para a biografía durante unha boa boa parte do século XX. A historia social dominante, interesada polas estruturas económicas, defendida polo estruturalismo dos Annales (1929) e pola historiografía marxista levou incomprensión ao estudo de vidas e de individuos e dá escasa importancia ao individuo no proceso histórico. Pero amais de ser a primeira gran biografía histórica de Galicia a obra Murguía reclama a nosa atención polas orixinalidade das fontes empregadas para a súa elaboración: datos sociolóxicos, economía familiar e social, datos antropolóxicos, círculo de sociabilidade política e medios de comunicación, o problema científico na Universidade etc, etc. Milagrosamente neste mar de datos diversos sempre emerxe o imaxinario de Murguía como cadea vertebradora reivindicando que o seu modelo de conducta social ten dereito a ser biografado.

Non esquezamos que cada tipo de cultura, como ten sinalado Lotman, elabora os seus modelos de “persoas con biografía” e persoas sen biografía” porque non todas as persoas que viven no seo dunha cultura teñen dereito a biografía. Murguía estaba entre os que non gozaban deste dereito motivado nomeadamente pola incomodidade social que provocaba o seu comportamiento de enfrontamento coas institución e círculos de traballo próximos. Ben entendido que detrás desta incomodidade social que provocaba a súa conducta, estaba a súa sólida información e documentación incontestable, como moi ben ten advertido epistolarmente dona Emilia.

Murguía era nos primeiros anos do século XXI un personaxe esquecido e perdido entre os diversos historiadores coetáneos. Cando Barreiro ten acceso á documentación persoal de Murguía está a punto de facerse cargo da presidencia da RAG e nese mesmo momento é o valedor do nomeamento do historiador para ser homenaxeado o Día das Letras Galegas, primeiro chanzo da reivindicación do dereito á biografía. Comeza así a rehabilitación dun personaxe chave para a lexitimación de Galicia como nación. Eran os primeiros anos do século XX e o profesor Barreiro asume a responsabilidade de dotar a RAG que preside dun discurso enmudecido durante os moitos anos de posguerra e piñeirismo posterior. E tivo que facer compatible o discurso académico, centrado na lingua e no sistema cultural galego, coa figura de Pardo Bazán, que reclamaba unha fiestra na rúa Tabernas para amosarse en sociedade. Imposibles de armonizar, Barreiro fíxoos compatibles artellando unha convivencia complexa que os actuais mandatarios, como tantas outras cousas, romperon.

* Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats