Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Ras

No que hoxe é cruce de doutor Fleming con Reza, na miña nativa cidade de Ourense e nun espazo sen urbanizar medraba herba brava. Os nenos chamábanlle, a aquilo, O Campiño. Nese preciso lugar, antes de mediar o século XX, eu vin dous mozos cun caldeiro cheo de ras vivas, que, presumibelmente, viñan de pillar nas beiras da Barbaña. Sentados no chan, eles ían agarrando as ras (podería escribir “rans” pero a memoria sentimental parece forzarme ao localismo ourensao) unha a unha. Pareceume que lles metían os dedos aos bichos no ventre e que as esgazaban arrincándolle as patas de trás. Tiraban co corpo delas nunha morea informe e ían depositando as zancas sobre un pano branco extendido na grama. Pareceume que a boca das ras, así martirizadas, abría e pechaba sen dar morrido. Nisto, apareceu o Suso polo camiño de Porto Carreiro. Asistiu un intre ao espectáculo e, coma fora de si, berroulles aos mozos: “Xudíos, criminales!”. Con estas verbas e con aquela súa voz aguda, de cornetín de ordes, o Suso increpaba os dous mozos. “Raneros” –explicoume o Suso.

"Foi daquela cando souben dun oficio que consistía en pillar ras mediante un farrapo vermello e venderlle as zancas"

decoration

Nunca esquecerei o Suso, que pouco despois daquel episodio do Campiño e dos “raneros”, había de afogar nun piago da Barbaña. Foi daquela cando souben dun oficio que consistía en pillar ras mediante un farrapo vermello e venderlle as zancas, coas palmas xa recortadas a outros “raneros” maioristas que, á súa vez, as distribuían a tabernas especializadas de Ourense. Probamos as zancas de ra un mundo de anos máis tarde, en Xinzo e nunha das derradeiras tabernas onde se servían ao público. Souben tamén que, ao se iniciar o declive da caza de ras con destino ás tabernas, unha nova xeración de “raneros” endereitouse ao tráfico de exemplares deste anfibio para os laboratorios clínicos utilizalos en probas de ingravidez. Logo, penso eu que as ras deixaron de ser perseguidas en Galicia polos humanos que, sen embargo, seguiron perxudicando a especie na súa obsesión por desecar e facer desaparecer da face da Nosa Terra pozas, ollos de auga, logos e lagoas, xunqueiras e demais espazos mollados.

Compartir el artículo

stats