Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Do común e outras historias do noso

Teño un sorriso recordando estes últimos 4 anos. Son unha chea de feitos os que marcaron a xestión desta comunidade de montes en man común e que quero compartir, pois é parte do “Noso”. Sen pretender unha orde cronolóxica nin profundizar en ningún deles, recordo un proceso xudicial longo, xa comezado nunha etapa anterior, que rematou cunha longa negociación ás portas da sala do xulgado e rematou ben, ben para todos.

Tamén a intriga no vencemento da parcela cedida para unha explotación comercial, con listaxe dos elementos a manter ou a retirar, con dura negociación cos inquilinos para lograr un trato xusto, xusto para todos; os longos días de control da tala, pois a madeira hai que cortala e vendela, que sequen as árbores ou se pasen de vellas non é bo para ninguén, é malo para todos; as discusións para valorar que especies plantar, onde e cando plantalas, buscando a posibilidade dun bosque ordenado, verde, enxebre, sustentable e con algo máis que madeira para o futuro, algunha froita que poida alegrar as tardes de outono dos veciños, de tódolos veciños.

A rabia contida ao saber da rapiña duns poucos que arrancaron unha grande parte das árbores recén plantadas facendo inútil tanto traballo e cartos invertidos, inútil para todos, pois esas árbores xa non voltarán a prender aínda que foran plantadas de novo; as carreiras dalgúns membros da directiva para preparar o papeleo que necesita a petición de subvencións para manter o monte a salvo do lume, coidando o futuro, o futuro de todos; esa decisión maioritaria de incrementar o monte común reclamando polo xulgado o dereito de adquirir polo mesmo precio parcelas que non desexamos se dediquen a outros fins máis mercantiles e menos coidadosos co medio ambiente, coa auga, co chan, co aire que respiramos todos, pois todos respiramos; a negociación e compra dunhas parcelas de monte para xuntar ó común, facendo que sexa cada día máis doado poder desfrutar todos de máis e mellores sitios para o lecer e incrementando o patrimonio de todos, de todos.

Hai outras menos agradables, como as agresións aos membros da xunta directiva no exercicio das súas funcións de evitar o mal uso e a apropiación, por xentes que só pensan no seu, pero o monte... Este monte, é de todos.

Axuda recordar á xunta directiva: ao presidente, vítima e obxectivo de todos os que non valoran o de todos; ao secretario, procurando a maior literalidade en todas as actas e todos os feitos; aos tesoureiros, dous que merecen parabéns, un porque aos seus vintetantos anos compatibilizou estudos e horas para todos co inestimable apoio da súa familia e que cesou ao marchar cos estudos a “outra parte”, e o outro por asumir que o posto necesita de máis tempo e máis traballo do que parece e, aínda así, alguén tiña que facelo.

Aos demais ... , Aos demais a traballar, organizar, apoiar, opinar, xestionar, acompañar, buscar, etc., é dicir, adicar un tempo precioso, que ben podían empregar nas súas causas, na súa casa ou nas súas familias, para dedicalo “ao de todos”. Todos eles teñen a miña admiración, o meu respecto e recoñecemento como penso que deberan ter o de todos os que valoran o traballo pola biodiversidade, pola natureza, polo futuro, xa que non só os grandes desastres necesitan do noso apoio e da nosa implicación.

Pois ben, nesta derradeira xuntanza estivemos poucos. O momento crítico que estamos a vivir neste último ano e pico xa é de por si difícil. A falta de apoios dos veciños é patente, a loita diaria por manter a salvo o monte é complicada, a cantidade de traballo que hai que planificar e logo executar é moi grande e no futuro non se albisca a posibilidade de nova savia, de xente nova que poida reforzar e substituír aos que por moi diversos motivos tiveron que ir deixando.

Nos próximos meses vence este período de xestión que marcan os estatutos, haberá novas eleccións e “O NOSO MONTE”, o monte común, a comunidade de montes en man común da parroquia de Sabrán precisa continuar, precisa de que os comuneiros den un paso á fronte e valoren se poden adicar un mínimo do seu tempo ao común, ao de todos, pero de ninguén en particular.

*Presidente da comunidade de montes de Sobrán (Vilagarcía)

Compartir el artículo

stats