Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

A Galicia de Lorca e Alberti, ilustrada por Seoane

Sen dúbida quen mellor ilustra, en senso literal e figurado, as fecundas relacións de Lorca e Alberti con Galicia é Luís Seoane. Compartiron a consideración e importancia da cultura popular como fundamento da auténtica libertade e dun novo humanismo. Por este motivo observaban os tres, naquel tempo republicano, con preocupación a separación histórica entre a cultura popular e a cultura académica onde desentrañar a poesía oral que malvive oculta en numerosas manifestacións, encaixaba tamén no seu afán de liberdade, de liberar as culturas marxinadas e invisibilizadas.

Non rematan aquí as coincidencias porque os tres descubren Galicia moi cedo ao mesmo tempo que comezaban unha loita por ensanchar as canles da arte e da vida. Seoane regresara da Arxentina e como estudante de Dereito en Compostela é un dos líderes das revoltas estudiantís; Lorca, despois de convivir na Residencia de Estudiantes con Eduardo Martínez Torner e Bal y Gay xa cita nunha conferencia de 1922 os romances de D. Boixo e da Virxe da Barca diferenciando entre poetas cultos, que fan a súa poesía sentados nunha mesa e os que a fan polos camiños convencido de que Granada ten un gran acervo de cancións de ton galego debido á colonización das Alpujarras, sendo posteriormente moi coñecidas as súas catro viaxes a Galicia e os seus poemas galegos.

Pola súa parte Alberti, que participa nas veladas e faladoiros da Residencia, tivo ocasión de achegarse a Galicia a través da visión neopopular da pintura de Maruja Mallo, coa que mantivo unha intensa relación antes de coñecer a María Teresa León, certificando que a relación dos escritores andaluces con Galicia é inicialmente de naturaleza artística, plástica e literaria nomeadamente. Efectivamente, as relacións dos dous poetas andaluces con Galicia sempre estiveron mediatizadas por escritores e artistas. Se no itinerario galego de Lorca están Martínez Barbeito, Blanco Amor, Guerra da Cal, Maside, Fole, Seoane, autor dunha caricatura do granadino, etc., no camiño de Alberti a Galicia están Eduardo e Rafael Dieste, Lorenzo Varela e Maside, asistentes ao faladoiro da Casa das Flores e posteriormente participando na Alianza de Intelectuales Antifascistas, nas páxinas da revista “Hora de España” e nas numerosas homenaxes que se lle dedican a Lorca despois do seu asasinato. A relación de Seoane con Alberti ocorre a partir de 1940 no exilio arxentino. Os intermediarios desta relación serán os prestixiosos abogados Norberto Frontini e Simón Scheimberg e do xornalista Isaac Kornblihtt. A partir deste momento serán numerosas as colaboración entre ambos: en 1942 ilustra Seoane con 7 xilografías a obra poética de Alberti ¡Eh, los toros!, pouco despois edítalle en Botella al Mar un libro de coidada tipografía e diagramación titulado El ceñidor de Venus desceñido onde o contido erótico do libro ten réplica doada nos limpos e suaves debuxos de Seoane que o ilustran.

Pouco antes do traslado do matrimonio Alberti a Roma, Seoane realizará un debuxo para a carátula do disco que recolle a voz de Alberti recitando Marinero en tierra amais de ilustrar, con gravados en madeira, Sobre los ángeles reeditado por Losada en 1962. Pero a colaboración que mellor representa a amizade entre os dous artistas é a escenografía que realiza Seoane para a obra de teatro do gaditano titulada El trébol florido, composta en 1941 e representada en 1954 en Bos Aires. A complicidade e intensa comunicación artística que require este tipo de colaboración xa viña avalada polo fermoso poema que Alberti lle dedica a Luís Seoane en 1951 con ocasión dunha exposición do artista galego na galería Viau e que forma parte do ciclo poético do gaditano A la pintura (1945-1967).

Outro capítulo importante da relación de Alberti con Galicia está protagonizado por Rafael Dieste en numerosas publicacións compartidas, o proxecto da editorial ALDIA (Alberti, Dieste, Ayala), o comité para celebrar o centenario de Cervantes e un desafortunado incidente en 1947 con ocasión da visita de Otero Pedrayo a Arxentina.

*Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats