Hai unhas semanas anunciabamos o acordo entre Concello de Vilagarcía, a Consellería de Sanidade e a Autoridade Portuaria para construír o centro de saúde no solar da antiga Comandancia. Un acordo histórico que xa entón adiantabamos que ía ter unha segunda parte grazas á liña de colaboración aberta entre a administración local e a portuaria. Onte, tras unha intensa negociación, dabamos a coñecer os termos dun acordo que nos permitirá continuar abrindo a cidade ao mar, recuperando para o uso e desfrute de todos os vilagarciáns un espazo tan emblemático como é o peirao do Ramal, xunto co aparcamento e os terreos que chegan ata a confluencia coa Avenida Rosalía de Castro.

Con estes dous acordos poñemos fin a anos de bloqueo estéril e conseguimos que Vilagarcía vexa cumpridas as maiores demandas da cidadanía no que levamos de século. Unhas reivindicacións que eran un compromiso propio e do meu partido, incluídas no programa electoral de 2015 que os vilagarciáns apoiaron de forma maioritaria, conferíndonos así a súa confianza para levalas a cabo.

Xusto é dicir que, sen o lóxico e necesario entendemento entre as dúas principais administracións de Vilagarcía -Concello e Porto-, estes dous fitos que marcarán un antes e un despois na historia e o desenvolvemento da cidade, nunca serían posibles. Porque Vilagarcía é o Concello, pero tamén é o Porto. E só camiñando da man e medrando xuntos conseguiremos o progreso para a nosa cidade e o benestar dos vilagarciáns.

Comprendendo isto, que Vilagarcía se asenta nestes dous piares, enténdense o espírito duns acordos que, necesariamente, teñen que resultar equilibrados e beneficiosos para ámbalas dúas partes, de xeito que ningunha quede coxa, e que a construción de Vilagarcía teña unha base firme e sólida.

Por iso, para conseguir, por un lado, desbloquear o novo centro de saúde que Vilagarcía necesita e que se constrúa no céntrico e estratéxico solar da Comandancia e, polo outro, liberar para os vilagarciáns unha parte esencial da nosa fachada marítima abrindo a cidade ao mar; pensando sempre no interese xeral, tanto o Concello como o Porto tivemos que ceder nas nosas posicións iniciais. Niso consiste toda negociación.

Trátase dunha operación moi beneficiosa para o conxunto da sociedade vilagarciá, xa que na relación custe/beneficio, a segunda parte do binomio é a que resulta claramente vencedora. Que a suma a pagar polo Concello é “barata” vémolo ao comparala cos 2 millóns de euros que o Ministerio de Facenda pide polo solar de 1.790 metros cadrados situado a carón dos xulgados. Por 3 millóns de euros, o Concello consegue unha parcela case tres veces maior para construír o centro de saúde e outra de 6.830 metros cadrados entre o peirao do Ramal e a rotonda con Rosalía de Castro, a maiores da liberación do peirao do Ramal e da cesión de uso nesa mesma zona doutros 12.000 metros cadrados para crear unha gran área de esparexemento para a cidadanía.

Si visto así semella un bo trato, máis aínda tendo en conta o beneficio social e intanxible que supón a garantía de que Vilagarcía terá a curto prazo o centro de saúde que necesita dende hai décadas, e que os vilagarciáns non teremos que continuar sufrindo de forma indefinida e con total incerteza unha aatención sanitaria deficiente polo decrépito estado dun ambulatorio insuficiente, obsoleto e inaccesible. E isto si que non ten prezo.

E o mesmo, coa fachada marítima do Ramal que, de seguir sen chegar a acordo, a poderiamos perder de forma definitiva e, con elo, despedirnos tamén da última oportunidade de deseñar unha Vilagarcía aberta ao mar, máis atractiva para o turismo e con máis espazos públicos para o esparexemento de toda a cidadanía. Certo é que o Porto manterá unha pequena porción do peirao para poñer en marcha a estación marítima para cruceiros. Pero igual de certo é que este recurso repercutirá positivamente no sector turístico e na economía local da cidade.

En definitiva, os vilagarciáns estamos de parabén con este Pacto polo Progreso co que todos gañamos: Gaña o Concello e gaña a Autoridade Portuaria. E precisamente por iso, gaña Vilagarcía. E por partida dobre.

*Alcalde de Vilagarcía de Arousa