Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Luís Seoane, premio Palanza

Relatoume a anécdota o diplomático e filósofo hispano-uruguaio Carlos Gurméndez. Coordinaba este un suplemento que nos anos noventa do pasado século un xornal madrileño dedicou ao exilio republicano de 1939 e considerou axeitadas unhas xilografías do artista galego Luís Seoane para ilustrar estas páxinas. Cando o orixinal chegou aos talleres para ser impreso, un corrector reclamou como arxentino ao ilustrador e o propio Gurméndez, en amistoso diálogo, chegou ao compromiso de referirse a Seoane como artista galego-arxentino. Xusto será recoñecer que malia esta solución de equidade, Luís Seoane acadou na cultura arxentina o agradecemento e gratitude que lle faltaron en Galicia que adiou as louvanzas e homenaxes, como adoitamos facer, ata despois do seu falecemento. Non lle pasou desapercibido a Seoane este desequilibrio no trato que recibiu de ambas culturas tal como manifesta epistolarmente a Díaz Pardo: que aceptou ser numerario da Academia Nacional de Bellas Artes da Arxentina, máxima distinción oficial do país, para denunciar a postergación que padece en Galicia por parte da Real Academia Galega. Era a RAG do piñeirismo, que recoñecía como correspondentes ao sector rancio e conservador da emigración, Valentín Fernández, Estévez e Molinari, sinalados e nominados na misiva polo propio Seoane, esquecendo os méritos do intelectual e maior dinamizador da cultura galega.

Amais deste nomeamento nacional na Arxentina, Seoane representou o seu país de nación na Bienal de Venecia de 1956 e en numerosos eventos internacionais. A estes recoñecementos institucionais temos que engadir o máis prestixioso premio do sector privado arxentino, o Augusto Palanza, que lle foi concedido no ano 1962. En anos anteriores fora outorgado a Leopoldo Presa, Spilimbergo, Castagnino, Luís Falcini, Berni etc., artistas que contribuíron a agrandar o premio. Arxentina, en definitiva, estaba a premiar e valorar como propia a fecunda madureza artística acadada por Luís Seoane.

Este artista acadou na cultura arxentina o agradecemento e gratitude que lle faltaron en Galicia

decoration

Non foi allea a este éxito a numerosa colonia xudía que, como consecuencia da persecución do nazismo, chega a Arxentina sumándose aos miles de inmigrantes que desde o Imperio Ruso colonizaron importantes terras na Pampa por medio da Jewish Colonization Association do barón Hirsch en 1891. Efectivamente Seoane recibiu o apoio incondicional da Sociedade Hebraica Arxentina que apostou decididamente polo talento do artista galego-arxentino. Son moi significativos na vida do noso artista os nomes dos arquitectos xudeus Lázaro e Enrique Golstein que son responsables directos dos primeiros encargos de murais para edificios proxectados polos seus propios estudos, incluído o do inmoble da rúa Montevideo 1985, que será o fogar familiar de Luís e Maruxa. Tamén a casa de campo en Ranelagh (topónimo sempre galleguizado como Rañolas por Laxeiro) que os Seoane adquiriron en 1952 ten a mesma orixe amistosa. Un galerista xudeu financioulla a cambio de 92 óleos de pequeño formato que Seoane foi entregando en cómodos prazos temporais.

E aínda menos coñecido é o azaroso destino do devandito premio Palanza que me relatou Maruxa polo miúdo ata o punto de mostrarme os documentos probatorios. Tiña o piso no que habitaban na rúa Montevideo de Bos Aires unha espléndida terraza que Luís e Maruxa degoiraban cubrir para disfrutar dun espazo moi castigado polo solpor. Destinaron xa que logo o importe íntegro do premio a toldalo e protexelo. No verán austral pasaron Maruxa e Luís uns días de vacacións cuns amigos para ao voltar inaugurar o eirado contratado cuberto. Ao regreso, despois de mirar e remirar a obra, satisfeitos, decidiron ir ao cine para ver “El Proceso”, película basada na novela homónima de Kafka que Seoane acababa de ler, publicada por Losada con tapa magnífica de Baldessari. Cando saíron do cine en silencio pero con gana inconfesada de pisar o eirado garbosamente rematado atopáronse co desastre, unha tronada de verán destrozara o toldo e levou polo ar o premio Palanza. Malfadado destino.

*Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats