Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Toponimia fantasma na urbe sen cloacas

Vigo, a primeira cidade de Galicia polo número dos seus habitantes é, tamén, un termo municipal de extensión nada cativa. Alguén que fixo o cálculo afirma que o municipio da Coruña collería varias veces dentro de Vigo. Pero “a urbe atlántica” que soñaron Castelao e moitos outros nacionalistas carece daquela duplicación subterránea que amplía, na sombra e no misterio, as cidades literarias. Non hai aquí nin catacumbas nin liñas de metro que, ao seren abandonadas, se poidan transformar en relatos surreais. Vigo, si, foi esforacado, e de modo dilixente (perseguíase o lucro), cando veu a febre do parking que tanto diñeiro lle chuchou a conveciños e visitantes en plan colonial descarado. Aquí foron selados algúns tuneis e, agora, perfórase un en Elduayen, non querido polos máis. Considérase que se vai unir ao catálogo de obras do xénero de aquel Abrir Vigo ao Mar que permitiu o roubo da varanda do Náutico e que se producise o escándalo do Marisquiño, alén de arruinar para sempre a Ribeira do Berbés.

Pero a cidade, na superficie, posúe unha variedade onomástica que pode achegarse á fantasía. Existe, certamente, un Vigo con nomenclatura oficial e cos predios numerados, ao carón duns nomes fantasmais moi vivos nas falas ceibes e na memoria dos veciños. Citemos hoxe, apenas, o barrio chamado de Casablanca: na topografía mental dos vigueses, limita vagamente con Urzaiz, Pizarro, Vázquez Varela e a Gran Vía. É moi movimentado e comercial, este barrio de Casablanca.

En Urzaiz, fronte ao Muro da Estación, houbo en tempos unha casiña branca cun único sobrado, que eu coñecín en pé e cun rótulo no que se lía Bar Celanova. Segundo a tradición popular foi a casa caleada de que falamos a que deu nome, nunca oficializado, ao barrio de Casablanca. Iso si, Manuel Álvarez, nativo do concello de Gomesende, en Terra de Celanova (nada que ver coa taberna citada), fundou a súa primitiva fábrica de louza na nosa Casablanca e en terreos que hoxe ocupa o Corte Inglés. Creo lembrar que unha liña de fabricación de Manuel Álvarez levaba a marca “Casablanca” e que esta foi conservada polo patrón da empresa, e fillo do fundador, Moisés Álvarez O’Farril. En todo caso seguiremos tirando aquí dos fíos do nomenclátor non oficial da cidade de Vigo.

Compartir el artículo

stats