Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Alejo Amoedo Portela*

As bandas de música populares viguesas, un patrimonio cultural de incalculable valor

O Observatorio da Cultura Galega vén de publicar neste 2021 un documento de traballo, en colaboración da Federación Galega de Bandas de Música Populares, no que se indica que están federadas 94 bandas que engloban a 6.262 federados.

A provincia de Pontevedra, que conta con 62 concellos, ten 66 bandas populares, o que supón un número moi significativo de agrupacións con respecto ao total da comunidade. Resulta paradigmático que sendo esta provincia a que máis bandas populares alberga, non conte con ningunha banda civil profesional.

As bandas populares serviron, e serven, a moitos músicos profesionais como plataforma na cal desenvolver a súa formación. No seo das bandas pontevedresas iniciáronse, entre moitos outros, importantes compositores como Felipe Paz Carbajal, Reveriano Soutullo, o decano dos compositores galegos, Roxelio Groba ou o trompetista Esteban Batallán que no 2019, e como fito histórico en Galicia, foi nomeado solista da Chicago Symphony Orchestra.

Na actualidade, correspóndelle a Vigo o liderado galego con 9 formacións: Unión Musical de Coruxo, Unión Musical de Valadares, Lira de San Miguel de Oia, As Delicias do CCR de Cabral, Banda Escola de Música de Beade, Unión Musical de Cabral, Agrupación Musical da SCD Atlántida de Matamá, Banda de Música da UVCD de Candeán e Ateneo Musical de Bembrive. No ano 2002 integráronse na Federación de Bandas de Música Populares de Vigo que preside, dende entón, Enrique Lorenzo, destacando a colaboración co Concello de Vigo na realización de concertos espallados por todo o municipio.

Das 9 bandas, 6 xorden na democracia, período no cal se adaptan aos novos repertorios, sobre todo de compositores galegos, constrúense novos espazos como auditorios, créanse escolas de música ao abeiro das asociacións que as sustentan, e intégrase masivamente a mocidade. A participación cada vez maior das mulleres foi un dos procesos máis destacados nas agrupacións, axudando a afianzar a perspectiva de xénero. Porén, unha tarefa pendente é a súa incorporación como directoras, xa que só 3 dirixen na actualidade bandas en Galicia, as 3 na provincia de Pontevedra.

Tendo en conta que o patrimonio é o legado cultural que recibimos do pasado, vivimos no presente e transmitiremos ás xeracións futuras, son as bandas de música viguesas unha fonte de riqueza inesgotable, tanto de patrimonio material como inmaterial, legándonos instrumentos, indumentaria, documentos (partituras, actas, cartas, facturas, inventarios, etc.), espazos como os quioscos da música ou templetes, fotografías, gravacións fonográficas e audiovisuais, etc., os cales temos a obriga de preservar. Con todo isto créase a base para realizar senlleiros traballos académicos, tanto divulgativos como científicos.

Sirva este artigo como recoñecemento aos que seguen a manter vivo este patrimonio cultural, a pesar das dificultades actuais. Tamén como homenaxe ao que foi director da Unión Musical de Valadares, dende 1971 ata a súa xubilación no 2020, José Iglesias Ramilo, que tanto contribuíu a ser o que hoxe é Vigo musicalmente.

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Tracking Pixel Contents