Unha mesa para dous nun coñecido restaurante, unha parella de influencers –xa saben, eses reis Midas dos tempos modernos que converten en ouro todo o que tocan ou, mellor dito, todo o que postean- e unha sobremesa que ben merece unha instantánea. A parella pide a colaboración do camareiro que, amablemente, lles realiza varias fotos mentres eles posan para a ocasión erguendo as copas e mailos sorrisos impostados.

Segundos despois, a imaxe aparece nas súas redes sociais acompañada do texto “Desfrutando da cea e da boa compañía”, que supostamente resume o momento que están a vivir. E digo supostamente porque o que acontece ao cabo dun minutos semella non casar ben con esta descrición. O que nun comezo parecía unha pequena discusión vai en aumento até chamar a atención do resto de comensais. Estes, incómodos, xíranse alertados polo ton do que era xa unha boa liorta, que parecía continuar mentres os protagonistas deixaban o restaurante.

Paralelamente, nas redes sociais, os me gusta pola foto non deixaban de multiplicarse. Alí, no mundo virtual, a porfía non existira. O tempo detivérase no fotograma previo, o da felicidade, e así debía continuar: non deixes que a verdade che estrague un bo postureo.

Mais coido que para os testigos da escena a cousa foi ben distinta. Pois unha cousa é a intuición que probablemente todos temos de que as redes sociais se basean cada vez máis nesta tendencia a aparentar, a amosar que somos felices independentemente de que o sexamos ou non; e outra ben distinta é comprobar de primeira man o engano. Até os máis escépticos, os que, coma Tomás, necesitan ver para crer, caerían da burra se puidesen ver, coma neste caso, o que se agocha tras a tremoia do aparenteo.

É importante que coñezamos tamén as sombras do mundo virtual, o que pasa máis desapercibido e máis importante aínda que llo expliquemos aos máis novos, pois do contrario serán facilmente manipulables. Respecto desta cuestión, o filósofo José Carlos Ruiz afirma en El arte de pensar que “estamos comezando a darlle máis importancia á circunstancia virtual que á real”. Ante este panorama, o que resulta máis que preocupante, sobre todo a nivel educativo, non é soamente a perda de valor do mundo real como consecuencia do auxe do mundo virtual, senón o feito de que este último sexa, como demostra a anécdota anterior, cada vez máis superficial e frívolo. Conseguir a foto máis orixinal, no lugar máis exótico e coa compañía máis marabillosa semella ser o leitmotiv predominante nas redes. O aparentar por riba do ser, o artificio por riba da sinxeleza.

Por este motivo, de cando en vez un agradece, incluso durante a sobremesa, coñecer a outra cara da moeda: coñecer a verdade, por moito que esta sexa, como diría Al Gore, Unha verdade incómoda.

*Mestre e veciño de Xaxán.