Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Marcas tipográficas: de Aldo Manuzio a Anxel Casal

Sorprendeume a noticia da morte do editor italiano Roberto Calasso (1941-2021) ocorrida o pasado 28 de xullo relendo o seu ensaio La marca del editor. Neste libro o escritor italiano, entre outras cousas de indubidable interese, mostra a súa admiración polo editor Aldo Manuzio (1449-1515) e defende unha obra saída do seu taller en 1499 como a edición máis fermosa de todos os tempos. Trátase do incunable Hypnerotomachia Poliphili, coñecido como O soño de Polífilo, título que apenas palía a rareza deste exemplar insólito. Manuzio, un gramático que chega a Venecia coa intención de publicar a súa gramática, acabará sendo o pai da edición humanística, empeñado na recuperación de textos e obras grecolatinas que encargaba aos grandes especialistas europeos cos que estaba en contacto e que eran ao mesmo tempo os seus receptores. Partidario e coñecedor do dito atribuído a Demóstenes de que sen cartos nada do necesario se pode facer, conseguirá o mecenado protector da nobleza veneciana para a súa minoritaria pretensión. Amais da coherencia do seu catálogo e dos numerosos prólogos da súa autoría, a filosofía editora de Aldo Manuzio está sucintamente exposta na imaxe que elixe como marca tipográfica da súa empresa editora, un delfín, que simboliza a rapidez, rodeando unha áncora, símbolo de firmeza e estabilidade. Están tomados do reverso dunha medalla romana da época de Vespasiano. Esta estampa contará poucos anos despois cun glosador excepcional que a converterá en emblema ao asociala co lema festina lente que podemos traducir como “apresúrate despacio” ou “corre sen apresurarte” tan necesarios tanto para a actividade artística como política.

Case 500 anos despois, o editor galego Anxel Casal (1895-1936), coa colaboración artística de Castelao, empeñado en dotarnos dun estilo nacional, adoptará para a súa editorial como marca tipográfica un hórreo, que tamén expresa a súa ratio philosophica imposta polas circunstancias e contexto histórico da década dos vinte do pasado século.

Mágoa que a marca editorial de Casal non dispuxese no seu momento dun glosador prestioso e brillante como foi Erasmo para Aldo. O hórreo simboliza non soamente o mundo rural, tamén representa a unidade familiar, o seu sistema de abasto e aprovisionamento. Cóntase que nunha pintura orixinal de Castelao pendurada na sede da editorial, á sombra do hórreo estaban uns nenos lendo con este lema “Fartura do corpo e do espírito” onde algúns queren ver o lema do Costa rexeneracionista de “despensa e escola” que non deixa de ser unha explicación ancilar e simplificadora. O cadro era unha homenaxe de Castelao ao Casal defensor das escolas do ensino galego. A marca editorial definitiva, a partir de 1927 será unha graneira limpa, exenta, minúscula, completada cun lema que non é outro que o nome da editorial, NÓS, con vocación ética, coral, colectiva e social.

"Horizontes rurais e campesinos no hórreo de Casal na procura dun interlocutor colectivo, con mensaxe ética, que ten na Terra e no territorio o seu sinal de identidade"

decoration

Veleiquí dous discursos editores: horizontes náuticos da Venecia renacentista en Aldo Manuzio, con vocación moral, individual, dirixido a un grupo receptor elitista e minoritario de humanistas europeos. Horizontes rurais e campesinos no hórreo de Casal na procura dun interlocutor colectivo, con mensaxe ética, que ten na Terra e no territorio o seu sinal de identidade. Os dous proxectos perseguían consolidar unha editorial literaria pero a proposta aldina era recuperar modelos do pasado clásico grecolatino como canon e a de Casal estaba baseada nos autores vivos que pugnaban por visibilizar unha cultura marxinada. O primeiro, contou coa axuda da nobleza veneciana, Casal co traballo da súa dona María Miramontes.

Cando Seoane recrea esta imaxe como marca da colección “Hórreo” da editorial Emecé en Bos Aires, a graneira aparece abrazada por un carballo, símbolo de pervivencia e firmeza desde Rosalía de Castro. Veleiquí o camiño.

Compartir el artículo

stats