Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Formas de resistencia: nomear as rúas

Nos meus días mozos gustábame descer ao centro da terra para coller o metro de Madrid nunha boca en cuxa porta campaba este letreiro: “José Antonio”. Ninguén lle chamaba así, co nome de pía do fundador de Falange Española. Todos se referían a esa estación co nome histórico do lugar, que é Red de San Luís. Véñenme á memoria estas cousas cando vexo o edículo da estación do metro da Red de San Luís, obra de Antonio Palacios, trasladado e reconstruído na vila natal do arquitecto, que é o Porriño.

Nas cidades galegas nas que medrei, o pobo rexeitou con firmeza o nomenclátor imposto polos sublevados do 36. Trátase dun movemento tan espontáneo coma masivo de resistencia. En Vigo, á Porta do Sol mudáronlle o seu nome polo de “Plaza del capitán Carreró”, que lera o bando da sublevación e mandara disparar alí contra o pobo aquel 20 de xullo de negra recordación. En cuarenta anos franquistas, ninguén en Vigo deixou de levar nos beizos o nome venerábel de Porta do Sol. Tratouse de que o militar Felipe Sánchez lle dese nome ao tradicional Areal (ou Arenal, en castelán), pero a poboación negouse a obedecer. O mesmo ocorreu coa forma de lles chaman os vigueses a outras rúas de Vigo, que non chegaron a ser asumidas como “José Antonio”(o Calvario foi inflexíbel neste punto), como tampouco “Generalísimo Franco” se asociou nunca á Gran Vía.

"A pequena historia da onomástica das cidades soe ser espello que reflicte a contradición e pode explicar aspectos da grande Historia"

decoration

En Ourense ocorreu algo semellante. Alí, a arteria central da cidade, ou sexa a Rúa do Progreso, seguiu chamándose deste xeito popularmente e en contradición co nacionalcatolicismo omnipresente naquela cidade episcopal. Ourensao ningún pronunciou a serie onomástica “Avenida del Generalísimo Franco”. Coido que un tal Ceano Vivas que dirixiu o golpe militar contra a República non deu conseguido que os veciños lle chamasen co seu nome á praza que serve de belo adro á fachada con rebusco rococó de Santa Eufemia.

Vaiamos a Pontevedra e reparemos nunha ampla conexión que fora aberta no século XX entre a Michelena e o Xardín das Palmeiras. Nos anos cuarenta, o gobernador civil, que debía de ser ao tempo Solís Ruíz, batizouna en ceremonia civil e eclesiástica como “Calle del general Mola”. Pero a nova vía foi estampillada polo pobo coma do Chanchullo, nome que se acae ben co carácter constitutivamente corrupto do réxime de Franco. A pequena historia da onomástica das cidades soe ser espello que reflicte a contradición e pode explicar aspectos da grande Historia.

Compartir el artículo

stats