En plenos Xogos Olímpicos de Tokio 2020/21, facendo zapping televisivo tiven a sorte de conectar a fin de semana entre xullo/agosto, e atoparme nunha canle da televisión coa película “Tres segundos” (2017), de Anton Megerdichev (1969...). Os equipos olímpicos de baloncesto da antiga Unión Soviética e os Estados Unidos, enfrontábanse na final de baloncesto, nas Olimpíadas de Munich 1972. Un partido histórico, que se resolvería a favor da URSS, nos últimos tres segundos. O equipo soviético de baloncesto derrotaría o equipo estadounidense proclamándose vencedor por primeira vez e única na historia.

As olimpíadas de Munich 1972, que ían ser os xogos felices, acordes co seu slogan oficial, contaban con un récord de participación de 7.134 deportistas, procedentes de 121 países, competidores en 195 especialidades. Na Vila Olímpica puideron albergarse 12.000 persoas. Munich 1972, foi cuberto por 4.000 periodistas a través dun sistema informático con 70 terminais Golym, e utilizáronse por primeira vez os pictogramas creados por Ofl Aicher no propio Estadio Olímpico, estendidos ao metro e aeroporto.

En plena Guerra Fría Alemaña estaba dividida en dous países, a República Federal (RFA), aliada de Washington e a República Democrática (RDA), na orbita de Moscú. Munich, pasaba por ser un exemplo de democracia e prosperidade, situada entre as potencias lideres da Europa capitalista. Un modelo en termos organizativos e deportivos, que se amosaban no Olympiapark. A través dos xogos despregou ao máximo un afán de democracia, ecoloxía e modernidade.

En plenos Xogos Olímpicos, un comando terrorista palestino secuestrara o cinco de setembro a media delegación israelí. O final deste secuestro rematou nunha verdadeira traxedia coa morte tanto das persoas secuestradas como dos seus secuestradores. Os xogos, volteábanse mesturados de negro e ensombrecidos polo terrorismo. Porén, non era a primeira vez que a política irrompía nas olimpíadas. O preludio das Olimpíadas de México 1968, estivera precedido pola masacre da praza de Tlatelolco. Os atletas afroamericanos Tommie Smith e John Carlos, foran expulsados do equipo USA por levantar o puño en alto na súa vitoria dos 200 m. sinal da súa adhesión ao movemento Black Power.

Megerdichev, que conta con outros filmes como Shadow boxing 2: Revenge (2007); Dark world order (2010) e Pánico no metro (2013), dirixe este filme deportivo ruso, mesturando feitos reais con outros de ficción. A produción non estivo exenta dunha grande polémica, pois os familiares de varios xogadores recorreron aos tribunais posto que o guión desvelaba detalles das súas vidas privadas que non houberan querido facer públicas. A cinta contou cun forte respaldo gobernamental, e converteuse na mais vista da historia no seu pais de orixe.

Faltando tres segundos o equipo estadounidense xa celebraba a súa vitoria dado que non pensaban que ninguén podería marcar nos últimos tres segundos. Porén, o partido ten un xiro inesperado cando o equipo ruso marca nese período de tempo. Isto non só cambiaría o resultado do partido, senón tamén modificará a historia do baloncesto para sempre.

Os seguidores do baloncesto saben perfectamente que cada segundo, e sobre todo ao final de cada partido poden ser claves e decisivos. Un deporte marabilloso, o baloncesto, non apto para cardíacos.