Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

No pasamento de Alfonso Álvarez Gándara

Entregámoslle ao lume, á luz, o corpo de Alfonso Álvarez Gándara, que foi, en vida, o noso amigo e “compañero del alma”. El procedía dunha nobre torgueira familiar que fora fundada por un Álvarez Jiménez que escribiu a primeira obra dramática en galego do século XIX.

Alfonso Álvarez Gándara, brillante prosador, formou nas fileiras dos reconstructores do idioma maltratado nos días do franquismo. Foi profesor de galego en aulas irregulares que a agrupación O Galo promovía no reservado dunha taberna compostelana que quizais fose A Arzuana. Leuse moito un seu artigo sobre a falta de uso litúrxico do idioma propio con que o clero católico contribuía á nosa humillación colonial. Algúns lembramos que, naqueles anos sesenta do século pasado, Fraga Iribarne ao tempo ministro de Información de Franco, montou en cólera e tomou represalias polo texto de Alfonso.

Sempre as súas escollas e implicacións públicas e clandestinas se produciron guiadas por un superior imperativo ético

decoration

Todo ao longo da súa vida adulta, o noso amigo Alfonso defendeu o obxectivo histórico dun poder político galego democrático. Sempre se nos representa nos días nos que era un dinámico directivo e presidente da Asociación Cultural de Vigo que inquietaba o réxime desde a súa modesta sede da rúa López de Neira. Gostaríanos que, entre os seus actos de resistencia ao fascismo antigalego, non se dese ao esquencemento a presencia de Alfonso Álvarez Gándara na restauración do Día da Patria Galega no 25 de Xullo de 1968.

Pasou pola acción clandestina e pola participación partidaria na Reforma. Sempre as súas escollas e implicacións públicas e clandestinas se produciron guiadas por un superior imperativo ético. Todo o cal levou Alfonso, en canto que abogado, a comprometerse en numerosos casos de procesamento de conciencia. Brillou en estrados do sinistro TOP dando o mellor de sí por folguistas e acusados de delitos de propaganda e asociación que, en realidade, son dereitos fundamentais. Quero lembrar agora, só, a actuación de Álvarez Gándara en defensa do mozo comunista que fora acusado de facer ondexar, nunha concentración do paseo de Afonso vigués, a bandeira de Galicia. O texto do seu informe de defensa merecía ser difundido nalgunha publicación que se faga en honor de Alfonso Álvarez Gándara.

Agora, xunto con refachos de lembranza de activismo, véñenme á memoria, a cachón tumultuoso, as ledas conversas de outros días, e tamén as recentes, nas que Alfonso despregaba, para gozo dos amigos e das amigas, prodixios de inxenio e un universo de coñecementos que el sabía dosificar alonxádoos de todo exceso e sen sombra de prepotencia. Estamos especialmente agora con Toya, a súa esposa, e cos seus fillos Patricia, Iria e Alfonso, nestas horas amargues.

Compartir el artículo

stats