Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cipriano Luis Jiménez Casas

Galicia Terra de Auga

No suplemento “Estela” de FARO DE VIGO (9-5-2021), chamoume a atención un artigo de Carol Álvarez: Ríos que luchan como personas, sobre os ríos Wekiva (Florida), Magpie (Canada) ou Turag (Bangladesh), que conseguiron o ordenamento xurídico de seres vivos e con dereitos a estar libres de polución. Conseguiremos ese status para o noso río Lagares?

Galicia é Terra de Auga. A Universidade de Vigo, desenvolve e investiga sobre a auga no seu Campus da Auga en Ourense. Temos 300 mananciais de augas minerais e termais (2.000 en España), 10 plantas de envasado (100 en España), 21 balnearios (115 en España), que xeran 1.400 empregos directos.

A auga de calidade é hoxe unha cuestión de xeopolítica internacional de primeiro orde, un recurso cada vez máis escaso, e acceder a el constitúe un factor esencial para o desenvolvemento socioeconómico da poboación. O cambio climático, e as súas consecuencias sobre os recursos hídricos, arroxan unha incerteza imprevisible sobre a súa situación. Si, somos moi conscientes pero non coherentes. Durante moito tempo ollábase para as estrelas, hoxe hai que mirar cara os fondos submarinos fonte descoñecida e inestimable dunha gran riqueza enerxética, alimentaria, medicinal... coidando a nosa auga e o noso mar, poderíase garantir un futuro azul! A través dunha economía circular, sostible e competitiva.

A Ría de Vigo e a Ensinada de San Simón forman parte dos límites da Zona Especial de Conservación (ZEC), do ecosistema e do mantemento da conectividade ecolóxica, un dos factores clave da biodiversidade existente, como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). Espazos naturais suxeitos á Directiva Hábitat as cales implican obrigacións para o Estado e a Comunidade Autónoma, que eviten a contaminación, a través de procesos de avaliación, non autorizando proxectos que prexudiquen a integridade do espazo protexido ou se sitúen fora dos plans acordes aos criterios da Rede Natura, que poidan afectarlle aplicando o principio de cautela e tratando de recuperar e preservar aqueles espazos degradados existentes.

No caso do Plan de Xestión de cara a conservación da Ensinada de San Simón, acumula retrasos e pasividade en contraposición á obriga legal de promovelo e cumprilo. As sentencias das maxistraturas do Estado, da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a favor da protección da Ensinada pertencente a Rede Natura, apenas resolven ou corrixen a conservación ou a aptitude benevolente cos infractores das normas ambientais. Case sempre, os tribunais actúan polas iniciativas cidadáns, as Plataformas integradas polas Asociacións de Veciños e Culturais, Cofradías, Agrupacións de Mariscadoras e Asociacións de Empresarios.

O dereito a desfrutar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo, forma parte do mandato da Constitución Española. Por outra banda a protección do medio ambiente esta incluída na Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

O ordenamento xurídico recoñece que o medio ambiente ao que se refire a Constitución non só está configurado pola defensa do solo, o aire, a auga, o litoral, a flora e a fauna; inclúe a utilización do solo e a regulamentación urbanística así como a conservación do patrimonio histórico, cultural e paisaxistico.

*Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza.

Compartir el artículo

stats