Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Continuidade da Historia

Un monte de ouro pertencente á República de Venezuela e que pode valer dólares tantos que a miña mente non dá concibido, áchase depositado no Bank of England. Tal fortuna é reclamada polo goberno (real) de Caracas pero este Bank non recoñece a presidencia de Nicolás Maduro negándose a reintegrar o tesouro. Trátase, neste caso, de forzar a rendición do presidente dunha República que fora elixido por sufraxio universal e directo.

Todo indica que o presente caso de filibusterismo forma parte dunha anovada ofensiva contra todo o que, na redondez da Terra, se resista á dominación imperial de Norteamérica. A utilización do banco oficial do Reino Unido como dócil axencia política, denota que nos achamos nun intre de identificación máxima dun Londres que deixa a UE cun Washington reactivado no mundo da man de Biden. A retención dos fondos venezolanos no Bank of England (víscera cordial do organismo político-económico británico) debe ser asociada co feito de, no lontano Oriente, e coincidindo co centésimo aniversario do PCCh, os Estados Unidos estean a acelerar a subversión na provincia de Xinjiang.

O regreso dos EE UU ao rol imperial parece ter que ver co actual movemento axitativo no interior de Cuba. Resulta chamativo de ver como as dereitas españolas, que dispoñen dun eficiente instituto de estudos históricos, garden silencio sobre a derrota inflixida polos EE UU a España cuxo efecto foi a perda das provincias de Cuba, Puerto Rico, Filipinas. Mesmo, ás dereitas españolas parece que lles praza que Guantánamo, Guam e Puerto Rico estean hoxe baixo o poder directo de Norteamérica e en réxime colonial. Montero Ríos chorara bágoas de raiba ao asinar a derrota, humillante para España, de 1898; pero Franco selou a amizade eterna cos EE UU entregándolle anacos de territorio patrio en forma de bases militares.

"O regreso dos EE UU ao rol imperial parece ter que ver co actual movemento axitativo no interior de Cuba"

decoration

O feito é que as potencias emerxentes de China e Rusia permiten hoxe un mundo multilateral no que a existencia de Venezuela bolivariana ou de Cuba revolucionaria, non desexadas polo imperio do Norte, sexa posíbel.

Lembran Gorbachov e o estrépito da caída do muro de Berlín e a euforia que produciu o soño da Fin da Historia, aquela especie do novo Cristo apocalíptico que unificaría o mundo co resplandor do capitalismo universal? Non se cumpliu a profecía que a CIA cultural lle encargara a Fukujama para o novo milenio. Ou sexa que a Historia continúa e ela é filla da Contradición. Feliz día da Patria Galega.

Compartir el artículo

stats