Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio García Teijeiro

Paco Ibáñez tamén canta en galego

Canta a Lorca e a Góngora. Canta ao Arcipreste e a Quevedo. A Goytisolo, a Blas de Otero, a León Felipe, a Brassens, a Neruda e a Nicolás Guillén. A tantos outros. Como dixo del outro poeta que tamén musicou, Gabriel Celaya, “Paco Ibáñez ademais de cantarse a si mesmo fai algo máis colectivo e máis difícil, incorpora na súa música e na súa voz os poetas clásicos e contemporáneos que sente como de seu e fainos ser el mesmo máis do que o eran nos seus textos”.

Paco Ibáñez, preto xa dos oitenta e sete anos, non deixa de pasear a súa música por moitos puntos de España e fóra dela. A identificación cos poetas que canta dende hai máis de cincuenta anos, lévao a darlle a cada un o ton e o estilo que lle corresponde, aínda que imprimindo en todos o selo da súa inconfundible personalidade.

Paco é un loitador. Paco é un trobador que cre na fusión de notas e palabras para chegar ao máis fondo do ser humano.

Paco Ibáñez é a voz dos poetas.

E, como home aberto que é, Paco Ibáñez canta tamén en galego. E faino coa convicción da necesidade de expresarse nas diferentes linguas do estado, porque cre profundamente na riqueza que esas linguas posúen para facer máis real e aberto o territorio español. Porque, para el, España non é “unha”, senón un lugar diverso, onde deben converxer en harmonía as distintas sensibilidades. Algo, por certo, que moitos non entenden pero é así. Paco non deixa de tender pontes para que a harmonía e a xustiza estean presentes nas nosas vidas. E faino a través da canción e da poesía para gozo dos que admiramos toda unha traxectoria dedicada a emocionar coa súa voz e a súa guitarra.

"Paco é un loitador. Paco é un trobador que cre na fusión de notas e palabras para chegar ao máis fondo do ser humano"

decoration

Paco Ibáñez canta en Vigo, dentro do Festival TerraCeo, o sábado 24 de xullo. E vai cantar –sempre o fai– en galego. Faltaría máis. Paco quere sentirse querido en Galicia. Xa o é. Eu terei, unha vez máis, a honra de compartir escenario con el. Paco Ibáñez puxo música a catro dos meus poemas. Concretamente “Que ocorre na terra?” forma parte do seu repertorio habitual. Canta esta canción polo mundo enteiro. Que orgullo! Hai unhas datas chamou para comentarme que estreará no concerto de Vigo unha nova canción sobre un meu poema. “Se falases de min”, titúlase. E xa me cantou uns versos por teléfono. Para min supón a meirande ledicia que coma poeta podo recibir.

Paco ama Galicia. Así llo dixo a Moraima un día de hai anos, no que os presentei. De aí que tamén interpretará a canción “Chove”, un poema do noso admirado Celso Emilio Ferreiro. Galicia, a súa poesía, latexa no seu corazón.

Vai ser, sen ningunha dúbida, un concerto emocionante coa ría de Vigo ás costas.

Se o día o permite, o máxico solpor e a maxia da súa voz fundiranse nun acto emotivo, imposible de explicar con palabras.

Paco Ibáñez nunca deixou de cantar os e as poetas máis salientables de todos os tempos.

E Paco Ibáñez xunto con eles, tamén canta en galego. Unha honra para o noso idioma.

As Cíes, emocionadas detrás da súa persoa, escoitarán as cancións deste trobador incansable de quen Caballero Bonald dixo que a súa actitude vital e artística consiste “nun xeito de sublevación contra o silencio”.

Galicia quérete, Paco.

Compartir el artículo

stats