Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao pé do farelo

O Efecto Pigmalión ou a profecía autocumplida

Hai tempo lin este paradigma que ben puidera suceder nos tempos actuais de pandemia e medo. Imaxinade un pobo pequeno. Un día calquera á hora de acordar, a señora María, mentres toma o seu almorzo, ten unha expresión enfurruñada e seria. O fillo maior, preocupado, pregúntalle se se encontra mal. “Non sei fillo, levanteime co presentimento de que algo malo ía suceder”.

O fillo vai ao traballo dándolle voltas ao que lle dixo a nai e, cada vez máis preocupado, non da pé con bola á hora de colocar as pezas do tractor no que está a traballar. O xefe, enfadado, pregúntalle que lle pasa, que non da unha. “Non sei, ando preocupado polo que me dixo a miña nai esta mañá de que algo moi grave ía suceder”. O xefe segue co seu.

Ao pouco sae do taller para ir á carnicería a mercar unha pouca carne que lle encargara a muller. Cando o carniceiro o vai despachar pídelle un quilo de vitela para guisar, xusto cando a vai cortar, pensa que as profecías dos vellos mellor non tomalas a coña, así que dille ao carniceiro que lle poña dous quilos, non vaia ser. “Andan dicindo que algo moi grave vai ocorrer, así que mellor póñame dous quilos por se acaso”. A xente que está agardando a súa quenda, ao escoitalo, tamén se alarma e reclama, cando lle toca, máis carne da que tiña pensado comprar. Vaise correndo a voz de que as cousas están moi mal e vai pasar algo irremediable e moi grave. En tanto, o carniceiro vende todo e a xente, alporizada, ve que non ten xa carne a vender, polo que, preocupada, empezan a acumular mercancías do supermercado, que axiña queda baleiro.

Chega un momento en que toda a xente está segura de que vai pasar algo e todo o mundo está mais que morto de medo. Nestas circunstancias e, como estamos no verán, fai moita calor e a xente comenta que é anormal e que nunca antes fixera tanta calor, que case nin se da respirado. De súpeto, unha pega póusase na fonte da praza do pobo a refrescarse e mollarse na auga. A xente, alporizada, comeza a murmurar que é un signo e que xa non hai dúbida que vai pasar algo grave, polo que máis dun decide coller o coche e marchar, que aínda se pode escapar.

A tensión é tal que os habitantes da vila, desesperados, empezan a recoller o que poden e, berrándose de medo uns ós outros, escapan convencidos de que algo vai suceder sen remedio e queren salvar a súa vida por riba de todo. Estes marchan, os outros tamén, pois eu non vou quedar, que veña a desgraza a caer sobre a miña casa e familia. Así que prende lume á casa para que ningunha maldición nin mal de ollo os atrape. Un tralo outro fan o mesmo e todo o pobo é presa do lume, o caos e a desesperación.

A señora María, ollando cara o fillo, dille: “Ves, como eu tiña razón e o meu presentimento era fundado. Algo moi grave ía suceder”.

Compartir el artículo

stats