Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A noite vai coma un río

O comunismo chinés celebra os cen anos do seu partido ao tempo que, no anticomunismo planetario, se facía un silencio incómodo. No principio foi, en 1912, a revolta republicana e patriótica cuxa cabeza, o doutor Sun Yatsen representaba o primeiro paso cara a nova China que hoxe se rende a si propia homenaxe. Na nosa memoria aparece unha nube de meniños ourensáns que invaden, en Ourense, a rúa do Paseo. Os rapaces piden óbolo para os “chinitos” con petos antropomorfos que figuran cabeciñas de orientais que deben ser alimentados e catequizados.

Pasaron os trebóns da historia sobre China, e a Revolución mudouno todo. O símbolo da China actual é un camiño pacífico que leva a todos os lugares da Terra. Chámanlle Rota da Seda e o seu significado é o da conexión entre os pobos e as culturas de Oriente e Occidente. Despois da derrota do imperialismo e militarismo xaponés na II Guerra Mundial, co PCCh no poder foi evoluíndo ate se converter no que é hoxe.

Malraux, que non era comunista, percibiu ese carácter grandioso da Revolución Chinesa. Tal vez características dela sexan a inspiración e a racionalidade, que tal vez André Malraux relacionou co feito de o seu dirixente Mao Tse-tung ser un poeta e un filósofo.

Festexa o PCCh os cen anos abrindo a Rota da Seda e construíndo polo mundo camiños de ferro, aeroportos e canles de comunicación sen caer na ditadura dos mercados. Actualmente, China é o estado máis dinámico do mundo e fixo as paces precisas para a convivencia coa Federación Rusa coa cal estrema.

"Festexa o PCCh os cen anos construíndo polo mundo camiños de ferro, aeroportos e canles de comunicación sen caer na ditadura dos mercados"

decoration

Tal acontecemento está a ser decisivo no novo equilibrio mundial. Este ten como marca o retroceso da globalización capitalista e o avance do multilateralismo. O imperio USA esmírriase e fracasa en todos os seus intentos de subversión en China. O PCCh desactivou intentos de subversión relixiosa (Tibet e antigo Turkestán) ou o neoliberal de Hong Kong. Coexisten aló un sistema socialista e un capitalista coa preponderancia do primeiro e ambos so o control hexemónico do PCCh.

Mao Tse-tung é o autor dun precioso poema que conservo de forma nebulosa na memoria. Coido que se titula “Nadar” e trata dunha experiencia fluvial. No poema escorren augas de Confucio e tamén de Heráclito. Todo pasa pero a intelixencia e o esforzo humanos poden vencer a corrente en lugar de seren levados por ela. O que non foi posíbel en Pekín, o Imperio declinante inténtao en La Habana.

Compartir el artículo

stats