Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ramón Sarmiento

Pola unidade e a mobilización do naval de Vigo

Non é a primeira vez que os problemas dun asteleiro, ou varios, dificulten ollar a situación do naval no seu conxunto. Esa relevancia que o sector ten para manter un ecosistema único en Europa, conformado por unha contorna de empresas e gremios profesionais altamente especializados. É o noso valor estratéxico, o valor para o conxunto de actividades económicas da bisbarra, e que vai moito mais ala do que representan os nosos sete asteleiros.

Temos chegado aos nosos días sorteando as dificultades dunha competencia global tremendamente agresiva por parte de estados que si apostan decididamente pola construción de buques como factor de desenvolvemento das súas capacidades industriais, da ausencia dun plan esixente que facilite a nosa necesaria transformación, e por suposto do cuatrerismo de direccións como as do Asteleiro Barreras, creo que se pode falar en plural.

Hoxe o naval encara unha nova encrucillada, co conxunto de administracións desexando mirar pasar o noso cadáver silenciosamente. Dende os titubeos do Ministerio de Industria para aprobar o imprescindible PERTE Naval integrado polo conxunto do sector publico e privado para encarar a necesaria dixitalización de procesos e modernización de equipamentos. A da incomprensible apatía da Xunta para exercer as súas competencias en planificación de políticas económicas e industriais, como por exemplo para impulsar a recuperación da nosa capacidade naval e pesqueira promovendo a modernización das flotas, para adaptalas aos novos estándares enerxéticos e tecnolóxicos. Ou aos poderosos intereses urbanísticos locais que xenerosamente instalan a súa influencia no Porto e no Concello de Vigo, e que levan anos querendo facer da Grúa Derrik situada no cruzamento da avenida Beiramar coa rúa Coruña a replica da Grúa Carola, que en Bilbao recorda a puxanza industrial da ría de Nervión.

As traballadoras e traballadores do sector precisamos agruparnos e de novo, como sempre, dar a batalla para manter a capacidade de xerar emprego digno e con dereitos dende Bouzas a Ríos. Para que nos deixen vivir e traballar das nosas profesións na nosa ría. Que axuden, ou se enfronten coa dignidade da mobilización obreira, que nos debe volve a caracterizar: unitaria, asemblearia, e con toda a contundencia que sexa necesaria.

*Representante de CC OO en el comité de empresa de Barreras

Compartir el artículo

stats