Veño de ler Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde, de Xurxo Martínez e David Rodríguez, e podo afirmar que para min resultou unha ledicia poder vivenciar nas páxinas do libro unha morea de relatos –40–, nos que os autores puxeron nome real a pequenas historias inventadas na súa redacción, pero cribles na súa esencia. Polas páxinas pasan personaxes reais, identificados, que van tecendo unha crónica do Vigo non oficial, a miúdo vivenciado por corredores de fondo que deron e dan vida a esta urbe industrial, cultural, non sempre ben recoñecida polos seus habitantes. O engado da súa leitura vén non só polo bo facer dos seus autores, senón tamén polas conclusións das súas historias, pois grande parte do progreso social do que desfrutamos hoxe en día vén deste Vigo reivindicativo que exhiben varias páxinas do libro. Tanto, que nunha recente entrevista publicada no Faro da Cultura deste mesmo periódico –08/07/2021–, os autores manifestaron deixar á marxe a época da chamada movida, pois foi na súa opinión un movemento cultural baseado nun hedonismo acrítico, impulsado e mimado polos gobernos da altura, e seguiron abondando en contra do mito da Transición política.

Como persoa interesada no tema, coincido en parte á par que discrepo verbo destas manifestacións. Certo que o poder pulou polo espallamento desta expresividade que en formato de pop- rock fixo da diversión a súa razón de ser. Pero xa con anterioridade a este período do século XX –finais dos 70 /década dos 80–, Vigo contemplou unha considerable nómina de grupos de rock, que fixeron desta urbe un centro de interese mesmo para afeccionados de fóra da Galiza. –Por certo, para cando unha irmandade con outra cidade atlántica, industrial e rockeira como é Liverpool?–.

Limitar a eclosión de grupos vigueses que están na mente de calquera á súa condición evasiva é reducionista. Pois entre o repertorio de Siniestro Total salientan cancións con humor crítico nos seus textos. Pola súa parte, Germán Coppini –Golpes Bajos– levou a filosofía ás pistas de baile –lido en Sermos Galiza–. O mesmo Coppini &Los Voluntarios, varios meses antes do dó seu pasamento gravou América Herida –2013–, escolma de cancións moi críticas no seu conxunto co imperialismo nordeamericano. Outro dos protagonistas daquel período, aínda en activo, é homologable na súa andaina a varios dos que dan vida a este Vigo rebelde. Abonda con ler Antón Reixa Ghicho distinto, de Manuel Xestoso & X. Cid Cabido.

Daquela, a movida volveuse incontrolable para os seus propios mentores. Houbo frivolidade si, e benvida sexa se vén acompañada de espírito crítico, que non é incompatible cun san e lúdico repaso á sociedade da que formamos parte.