Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

De Curros e de Celso Emilio

Ramón Nicolás acaba de sacar á luz, baixo o patrocinio das autoridades autonómicas, un novo libro sobre Celso Emilio Ferreiro. De forma precisa, o autor ocúpase de dar conta ordenada dunha multitude de acontecementos que foron constituíndo chantos da gloria do alto poeta. O libro titúlase Chorimas para Celso Emilio. Un memorial. A palabra chorima significa en galego “flor do toxo” e fora utilizada por un excelente poeta do século: Alberto García Ferreiro. Este autor é digno de ser lembrado polo vigor descriptivo e pola riqueza da súa lingua literaria. Pro non é con García Ferreiro, sen embargo, con quen é habitualmente relacionado o Ferreiro do século XX, senón con Curros.

Ambos presentan evidentes paralelismos e un ar de familia que está feito de coincidencias sorprendentes. Tanto Curros coma Celso Emilio naceron na popularmente chamada Calle Arriba de Celanova. O primeiro en 1851 e, o segundo, en 1912, e mesmo en casas moi achegadas da mesma beirarrúa. Os dous practicaron o que na literatura revolucionaria centroeuropea, e aínda rusa, recibiu o nome de Tendenzdichtung. Ou sexa, aquel modo creativo que, por influencia dun brillante opúsculo de Sartre, pasaron moitos, no século XX, a chamar “literatura comprometida”.

"Defenderon o idioma galego considerándoo un tesouro sen cuxa posesión non habería patria común"

decoration

Un e outro destilaron con éxito a sátira nalgúns dos seus poemas, aínda que cedesen con frecuencia ás pulsións da nostalxia e da tenrrura. Defenderon o idioma galego considerándoo un tesouro sen cuxa posesión non habería patria común. A vida levounos aos dous á emigracion americana e a seren combatidos polo elemento reaccionario. Por cima Celso Emilio é autor dunha biografía de Curros que aínda hoxe continúa a ser consultada. Sen embargo mentres Curros foi nomeado presidente de honra da RAG, a Celso Emilio fecháronlle as portas de esta alta institución.

Digamos tamén que Curros e Celso Emilio coñeceron a fama e triunfaron literariamente en vida e despois de mortos. A aceptación de Curros só pode ser relacionada entre nós coa de Rosalía de Castro. Poucos poetas galegos foron cantados, lidos e imitados como foi e segue a ser Celso Emilio Ferreiro. Emilia Pardo Bazán, no século XIX, atreveuse a lle relear a Curros o seu xenio (tamén, por certo, a Rosalía). Pero pluma relevante ningunha do século XX intentou disminuír a grandeza literaria e ética de Celso Emilio.

Compartir el artículo

stats