Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Emilia Pardo Bazán na RAG (I)

Ao prof. X. R. Barreiro, in memoriam.

O azar, ese deus arbitrario e caprichoso, dispuxo que as conflitivas e complexas relacións entre o rexionalismo e a Pardo Bazán se prolonguen no tempo e aviven, con certa periodicidade, o rescaldo da polémica. A torpeza, que sempre se encarga de empeorar as cousas, preside este novo capítulo dunha serie histórica que comeza un 4 de maio de 1956, cando dona Manuela Esteban Collantes, viúva de Jaime Quiroga, e dona María de las Nieves (coñecida como Blanca) Quiroga Pardo Bazán, comparecen diante dun notario en Madrid para facer doazón á Real Academia Galega do inmoble de rúa de Tabernas 11 do que eran copropietarias. Resérvanse o dereito de usufruto de por vida de tal forma que ata o falecemento en 1970 de Blanca –en 1959 falecera Manuela– a RAG non accede á propiedade de pleno dereito. Se nun primeiro momento son Rodríguez Yordi e Dalmiro de la Válgoma os mediadores necesarios, serán Fraga Iribarne e o mesmo Dalmiro os que resolvan o asunto da exención de impostos posteriormente. A condición única que impoñen as propietarias é a constitución dun Museo na planta principal que contribúa a honrar a memoria de dona Emilia. Era presidente da Academia D. Manuel Casás.

Cunha serie de reformas de adaptación que rematan en 1978, a sede da RAG será inaugurada polo Rei sendo presidente da institución D. Domingo García Sabell, que acababa de suceder a D. Sebastián Martínez-Risco.

Ata aquí o resumo administrativo e xurídico da doazón que permitirá á RAG acceder a unha sede situada no corazón da Cidade Vella. E aquí podería rematar a historia da xenerosa cesión se non fose pola torpeza e mesquindade dos actuais directivos da Real Academia Galega que se empeñan unha e outra vez, por ignorancia e afán de protagonismo, en converter en conflitivas as relacións xa de por si complexas do nome de Emilia Pardo Bazán e da RAG. Todos lembramos o concepto que a condesa tiña do galego, un dialecto apto para a fala das clases populares e de escasa utilidade para a vida literaria, científica e académica. Algo difícil de asumir por parte da institución beneficiada e responsable de honrala.

A solución inicialmente foi o silencio e a escuridade e as sombras na primeira planta que non pasou nunca de ser un amontonamento de obxectos –cadros, mobles diversos, libros, revistas e manuscritos– que nunca se constituíron en discurso literario ou intelectual. Para mostralo non había persoal especializado e había que recorrer sempre á boa vontade e capacidade de servizo do conserxe.

Todo cambiará cando se fai cargo da RAG o profesor Barreiro. El será o encargado de dotar o Museo Pardo Bazán dun “discurso” intelixible, no que colaborará activamente a profesora Beatriz López Morán, que vai permitir un diálogo cultural con amplos sectores da sociedade.

Para conseguilo sérvese de dous piares esenciais: a propia casa remodelada e reconstruída, por unha parte, e a revista “La Tribuna” por outra. A primeira acollerá centos de escolares e visitantes de procedencia diversa que son recibidos por persoal con capacidade para explicar o discurso construido arredor dunha casa que xa non amorea obxectos. Estes, sendo os mesmos fundamentalmente, están ordenados e dispostos para mostrar a intimidade familiar, o salón dos memorables faladoiros que convocaba a escritora sen esquecer a súa creación e diálogos literarios.

A revista contou ata o momento actual con dous directores: dos seis primeiros números (2003-2008) é responsable o profesor Paz Gago; a partir do seu cese estatutario como presidente da RAG, será o responsable o profesor Barreiro. “La Tribuna” convoca o máis selecto do pardobazanismo galego e internacional atraído pola rica documentación que comeza a mostrar o equipo de investigación que se crea arredor da mesma.

"A proximidade do centenario da morte da escritora coruñesa vai revolver as augas do pardobazanismo rompendo equilibrios e despertando ambicións soterradas"

decoration

Os sucesivos congresos convocados pola propia revista posibilitaron un diálogo intelectual sin precedentes non exento, naturalmente, das habituais tensións académicas. Cumpre resaltar que a financiación de revista e museo foi acadada grazas á xestión persoal de Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Pero a proximidade do centenario da morte da escritora coruñesa vai revolver as augas do pardobazanismo rompendo equilibrios e despertando ambicións soterradas. Os especialistas en efemérides ven a posibilidade de visibilidade persoal e graduación de balde. O que era unha especie de monumento que non despertaba interese por familiar e cercano, promete teatralidade, visibilidade e espectáculo, tentacións difíciles de rexeitar. Houbo un primeiro intento de relevo na dirección da revista que non chegou a facerse efectivo tal como acredita a derradeira carta que o profesor Barreiro dirixe á RAG antes do seu falecemento. Pero as presas diante do centenario aconsellan e inspiran marxinacións, pequeñas vinganzas e non poucas mesquindades. O diccionario da RAG define o substantivo feminino “mesquindade” na súa primeira acepción como calidade de mesquiño exemplificado cun expresivo ‘Nunca imaxinei nel tanta mesquindade’. Para que non haxa dúbidas procuramos na mesma fonte léxica o significado do adxectivo mesquiño: “[Persoa] que está demasiado atado aos propios intereses e que amosa falta de xenerosidade etc., cara aos demais.”

Apelamos á auctoritas do repertorio da RAG neste caso coa convicción de que poucas veces o seminario de lexicografía atopará un feito que ilustre máis doadamente as acepcións desta familia léxica coma este que estamos a relatar.

Presente a RAG en todas as comisión estatais, incluida a dos usos de Meirás, Xunta de Galicia mediante, pretende derrubar a sede actual de Tabernas nun acto de megalomanía sen a mínima garantía de futuro. Hai outras alternativas máis sensatas. E delas e da deriva dos actos do centenario falaremos na próxima entrega.

Compartir el artículo

stats