Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

García Lorca pé do río da Esgueva

Bo sitio para un monumento á ausencia, ese recanto que ole ás sustancias da nosa deusa Navia e que leva o nome prehistórico de Esgueva. O lugar da memoria é a Ínsua dos Poetas, en Madarnás, concello do Carballiño, onde cada ano se descobre unha escultura que serve de socalco de contención ao esquecemento e á ausencia.

Hai que celebrar agora a erección do memorial que Soledad Penalta dedicou ao libro “Seis poemas galegos”. Este ano, na XIII Festa da Palabra, inspirada e dirixida pola vis entusiástica do poeta Luís González Tosar, concedéronselle distincións a diferentes persoas e organismos de alto mérito. Especialmente alegrounos o feito de a Festa da Palabra estarlle dedicada a Federico García Lorca.

Ou sexa que aran os bois e chove, coma no poema inmortal de Díaz Castro

decoration

Os bos críticos soen pór a énfase en que “Seis poemas galegos” fanse sentir como criaturas fillas do imaxinario lorcano e ao mesmo tempo produto histórico do sistema literario galego autónomo. Aínda que Lorca fose axudado por Blanco Amor na xénese da súa obra galega e, tamén, segundo o autor da Esmorga, por un “estudiantón” galego de apelido Pérez Güerra (máis tarde, Guerra da Cal), parece que tendencias psíquicas arcanas e inconscientes fixeron abrollar do centro creativo íntimo de Lorca manantíos tan galegos coma galegas son as augas do río da Esgueva.

Nos seus “Seis poemas galegos”, aínda que pasen xinetes fantásticos pola Quintana dos Mortos, a verdade é que Lorca converte en tótem da Galicia atávica, non os cabalos, senón os lentos bois da auga. Ou sexa que aran os bois e chove, coma no poema inmortal de Díaz Castro.

Estes días recordouse, lealmente, que Federico García Lorca vai unido, na intrahistoria civil republicana, á persoa de Ánxel Casal Goxende. Este último representa a trabe de ouro sobre a cal gravitaba a edición de libros e impresos galegos nos días anteriores á xullo do 36. Na súa editorial Nós viron (naturalmente) a luz os “Seis poemas galegos”. Horroroso, pro verdadeiro foi que Lorca e Ánxel Casal morreron asasinados en agosto do 36 e con horas de diferencia, un en Cacheiras e outro en Viznar, por feixistas españois que vestían a mesma camisa azul mahón.

Compartir el artículo

stats