Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De populismos e 'remakes'

“Lista”, con “axilidade mental” e desprezando “o filtro”. Velaí como hai uns días, e logo de que a señora presidenta dos Madriles aparecese –en realidade, actuase, como boa actriz que vén demostrando resultar– nun programa televisivo conducido polo moi inefable Norberto Juan Ortiz Osborne, veu describir Carlos Boyero, e desde as páxinas dun importante rotativo capitalino, a conduta e cualidades de Dna. Isabel Díaz Ayuso. Aínda máis, e sempre segundo o ben coñecido crítico cinematográfico, sucede que a mentada sabe “utilizar o sentido do humor cos demais e consigo mesma”, “aparenta seguridade” e nin devén “covarde nin, moito menos, aburrida.” Sen dúbida o que se di –escribe– todo un traxe, un retrato feito á medida. En fin, que M.A.R. (Miguel Ángel Rodríguez, para os non iniciados) todopoderoso llo pague ben!

Desde logo, e como queira que carezo do pertinente ollo clínico –ou como se veña denominar dito atributo no argot da “sétima arte”–, non será un servidor de todos Vdes. quen lle vaia discutir o dictak ao ilustre Sr. Boyero. Porque ademais, que coogno!, cada quen é moi dono de enguedellar(se), enrolar, participar, militar..., mesmo fliparse e/ou chutarse a tope naquilo/co que lle preste, que para iso habitamos no aberto espazo da liberdade e estupefacientes mil. Ao cabo, xa nos explicou o clásico que “bien previno la hija de la espuma/a batallas de amor campo de pluma.” Xa que logo, nada que obxectar e que continúe Dna. Isabel con “ la falda almidoná y los nardos apoyaos en la cadera”, Alcalá adiante.

Agora ben; se ben que está claro que o autor destas liñas dista moi moito de coñecer toda a produción crítica cinematográfica de D. Carlos, porén si que teño suficiente noticia dela –ou iso coido– como para entrever, ponderar..., non obstante, que, para alén de casos moi concretos, non resulta o articulista salmantino o que se di un fan dos remakes. Así, cabe constatar que a súa apreciación, poño por caso, da primeira entrega de “Chacal” –aquela protagonizada por un Edward Fox en estado de graza, e filmada por un Fred Zinnemann en plena epifanía– vén superar decisivamente esoutra que, case vinte e cinco anos despois, protagonizaron Bruce Willis e Richard Gere ás ordes de Michael Caton-Jones. Algo que ocorre, asemade, cando a comparación se leva a termo entre “Abre los ojos” –de Alejandro Amenábar, 1997– e “Vanilla Sky”, filmada por Tom Cruise apenas catro anos máis tarde, ou aínda entre a xenial “Dirty Dancing” de Emile Ardolino (1987) e mais a versión, do mesmo título, da man –ben pouco habilidosa– de Wayne Blair (2017): de certo unha sorte de karaoke familiar alí onde Patrick Swayze Jennifer Grey derrocharan sensualidades a eito.

Mais dixemos –e continuamos– a dicir/escribir “remake”. Chegados, pois, a esta volta do traxecto, de quen viría ser, en efecto, lexítima herdeira a Sr. Ayuso?

Descartadas, por diferentes motivos, Golda Meir, Indira Ghandi, Margaret Thatcher... próximos ao de Dna. Isabel xorden de contado dous nomes senlleiros: o de Esperanza. Aguirre y Gil de Biedma pero tamén esoutro de María Cristina Cifuentes. Así e todo, e con todas as deferencias cara a elas, entendo que, en realidade, a presidenta madrileña si que “pica máis alto”; en consecuencia, tal semella que debamos procurar o modelo do noso remake para alén das fronteiras patrias. Non sei eu, miñas e meus, pero, xa postos na procura, non desboto que debamos cruzar o Atlántico.

“¡Marxistas, lesbianas y feas!”: velaí como foi considerar no seu día María Estela Martínez de Perón –“¡Perón, Isabelita!”, han de lembrar, acaso, aqueles/as que “peiteen canas”– as súas oponentes na desputa polos favores populares ao tempo que proclabama aos berros “¡no al comunismo; libertad, libertad, libertad!”, non sei se lles soará tal canción aos, sempre moi amables, lectores. En todo caso, tratouse de toda unha “muller do látigo” que, iso si, nunca pasou de conformar unha moi pálida, esvaída, desmaiada... continuación da sempiterna Evita Perón.

Pois ben; maior de idade xusto cando o célebre musical foi levado á gran pantalla, tal parece que a nosa Dna. Isabel non só quedase prendada do mesmo senón que considere que, tal e como Sta. Evita, entre ela e mais o pobo (dos Madriles) non pode haber intermediarios. “Busqué ser libre,/pero jamás dejaré de soñar/y solo podré conseguir/la fe que queráis compartir”, cantaba, na versión en español, Paloma San Basilio. Non sería de extrañar, así as cousas, que xa desde o balcón presidencial e/ou nunha nova entrega canda o inenarrable Bertín, veña abraiarnos a señora presidenta cun desmarque lírico: “No llores por mí, Madrid/Mi alma está contigo,/mi vida entera te la dedico”. Dito/escrito está aquilo que “de Madrid al Cielo”. Traducido ao noso román paladino, e como xa quedou dito, está claro que cadaquén pode flipar(se)/pincharse co que lle pete. Liberdade? Pois iso.

Compartir el artículo

stats