Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A dereita desvalida

Oporse á concesión dun indulto aos presos independentistas cataláns, durante un intre que parecía duradoiro, foi doctrina predicada, con empaste monódico e gregoriano, por todas as dereitas españolas entre as que debemos incluír personalidades do PSOE. Naquela breve etapa, alguén se ergueu nas puntas dos pés para lle esixir ao rei que non asinase o indulto aos presos políticos.

Mais, súbito, produciuse unha mudanza. Que a Conferencia Episcopal de Cataluña confiase na bondade conciliadora dos indultos non sorprendeu ningúen. A figura do abade de Montserrat a sacar peito contra Franco veu ao primeiro plano da memoria dos demócratas máis vellos. A conmoción produciuse cando a cabeza dos bispos españois coincidiu cos mitrados de Cataluña e tamén considerou que era cousa boa, para a paz e a convivencia, a promulgación de que tratamos.

Coa precisión das unidades militares en orde fechado, os empresarios organizados, así da patronal catalá coma da española, marcaron o paso de apoio ao goberno de España na mesma dirección. Como podía ser posibel o que estaba sucedendo? Dous dos alicerces das dereitas vixentes en España, o alto clero e a CEOE, estaban a apoiar un goberno “sociocomunista e Frankestein” que conduce España á debacle; digamos así, pedíndolle emprestado un galicismo ornamental a Zola. Por se fose pouco, figuras notables da dereita máis atlantista do PSOE lle deron un apoio (morno) ao Pedro Sánchez que eles tiñan considerado coma unha reencarnación dos espíritos vermellos de Largo Caballero e Juan Negrín. Por se fose pouco, dos organismos e das instancias supraestatais de Europa saíron posicións favorabeis a unha solución pacífica do problema catalán.

Por que se produciron estas estrepitosas mudanzas é algo que ignoramos. Asistimos, si, á emisión de mensaxes, moi elaboradas polo guionista dos líderes das dereitas españolas nos que se percebe, destilada e por veces sublimada, a ira, a frustración e o desamparo. Esta nova situación na que o discurso hexemónico das dereitas españolas se mira impugnado pola base que o sustentaba, coincide co chamado “regreso” dos Estados Unidos á intervención imperial.

Compartir el artículo

stats