Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao pé do farelo

País!, que diría o Forges

Vivo sin vivir en mi y tan alta vida espero, que muero porque no muero. Este paradoxo ou antítese, fermosa figura literaria que nos deixou Santa Teresa de Xesús –a do brazo incorrupto que tiña no seu dormitorio o noso caudillo do mundo mundial de todos os caudillos, que non se contentaba con ser xeneral, senón que o tiveron que nomear xeneralísimo, tela mariñeira, para saciar o seu egocentrismo desapiado–, nos seus versos místicos, vén a conto do que nas súas viñetas cómicas nos deixaba a modo de reflexión final na boca dos seus personaxes o humorista xenial, tristemente desaparecido cando máis nos fai falla o humor e a ironía fina, Forges: País!

O mesmo digo eu: País este no que nos tocou a lotaría de vivir. País, no que secularmente a metade anda a garrotazo vivo contra a outra metade. País, onde se fai burla do seu himno e bandeira. País, onde o seu parlamento e senado non representan nada nin a ninguén, case cincocentos cargos que, máis ben diría eu, son cargas e que o único que fan na súa inmensa maioría é darlle a un botón seguindo instrucións dos seus xefes, nin tan sequera fan gala da capacidade de pensar ou disentir e ter opinión propia, porque naturalmente nese caso se lles acaba o chollo.

País, no que temos a dubidosa honra de vivir baixo a figura anacrónica dunha monarquía imposta logo dun golpe de Estado e guerra civil, por un ditador e un réxime totalitario e fascista. Agora comprobamos tristemente que, de aqueles lodos, chegaron estas lamas, abdicación emérita incluída.

País, no que se pode pisotear impunemente a opinión e o sentir de máis do 50% dun pobo, declarando unilateralmente unha seudo república independente, e ao final hai que pedirlles desculpas, porque o estado resulta represor e vingativo, e toca hora de mesa de diálogo e perdón, posiblemente para que todo cambie pero sen cambiar nada e repitamos o esperpento vivido, porque o home resulta o único animal que tropeza dúas veces seguidas na mesma pedra. País dividido non sei en cantos reinos de taifas, onde cada quen pode facer da súa capa un saio, o que lle pete, que para iso é presidente/a, máis estando nun momento tan grave e crucial como o actual de pandemia.

En fin, amigos: País, no que maltratamos e ignoramos nada menos que ao 16% dos nosos veciños que permanecen nas listas de desempregados. No que facemos as maletas unha vez máis aos nosos fillos, a xeración mellor preparada da historia, porque aquí non hai en que se ocupar e teñen que buscarse a vida fóra das nosas fronteiras.

País, no que somos quen de saír en manifestación a defender un peloteiro e un club de fútbol, aos que idolatramos estupidamente pero non a protestar e esixir os nosos dereitos a unha vida digna e un futuro, que nos están a roubar co conto da crise e da pandemia, mudando a terra en explotacións forestais e parques eólicos, pan para hoxe e fame mañá, pero que dan moitos cartos ás multinacionais e grandes empresas de fóra do noso País.

Compartir el artículo

stats