Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao pé do farelo

“A Yenka”

Lembran vostedes aquela triunfadora canción do verán do ano 1965, xa choveu, que levaba por título “A Yenka” que popularizara o malogrado dúo neerlandés Johnny and Charlie? Os da miña xeración seguro que si, os máis novos pensarán que falo da prehistoria, sen dúbida. Tratábase dun tema menor, sinxelo, sen pretensións, moi pegadizo e contaxioso, do que o retrouso repetía aquilo de “izquierda, izquierda, derecha, derecha, adelante, atrás, un, dos, tres”, que ía acompañado dun curioso baile de pequenos saltiños adiante e atrás, esquerda e dereita. Pois a situación política dos últimos anos semella e recórdame insistentemente o retrouso daquela canción. Volvemos periodicamente á alternancia no poder do noso país das desgrazas e tristuras, agora toca esquerda, logo tocará dereita e así adiante, atrás, un dous, tres, uns fans e outros desfán.

O de Pedro Sánchez semella non ter remedio, nin solución de continuidade. Co seu manual de resistencia baixo o brazo, foi quen de defender ata a morte aquel “No es no, Sr. Rajoy”, que o obrigara nun xesto que o honra a deixar o Parlamento, renunciar ao escano e empezar de cero, contra a cúpula, os baróns e contra vento e marea. E vive Deus que, como O Renacido, volveu das súas cinzas, xa apagadas, e tomou cumprida vinganza, sen dúbida todo un fito, e dende logo inexplicable, que fala da súa fortaleza mental.

Agora ben, a situación real do país amosa ás claras que, non por perseverante, un resulta mellor político, nin mais hábil dirixente. O Sr. Presidente ten o mérito, gañado a pulso, de ter acadado os niveis de paro máis elevados na historia do noso país. Engadamos a esta situación explosiva a da precariedade dos contratos, a falla de dereitos e ausencia absoluta de vixilancia para os usos e abusos dos empresarios, o galimatías da pandemia na contratación, os Eres e os Ertes, e a conclusión, rotunda, é que imos de cabeza ao abismo, cunhas taxas de desemprego xuvenil inasumibles, o primeiro país de Europa en desemprego xuvenil. Cuns índices de empobrecemento galopantes, unhas colas da fame que xa non poden atender os bancos de alimentos nin as ONG. E miles de persoas, unha boa parte delas menores, en grave risco de exclusión social.

Ante esta dramática situación, o noso goberno contraataca con leis de memoria histórica, indultos cun clarísimo tufo de ilegalidade e prevaricación, conflitos exteriores cos veciños do sur que rozan o drama porque falamos de vidas e persoas desesperadas, e centros de acollida nos que non cabe xa un alfinete, descontrol e despropósito, incapaces de chegar a acordos se non é para manterse no poder e a cambio cedendo no que non é seu, porque é de todos. Agora, iso si, a linguaxe inclusiva e o politicamente correcto que non decaia, nin falte a marcha, porque queda moi guay del Paraguay e somos moi modernos. Entre tanto, veña minutos de silencio e crespóns negros polas inocentes vítimas da violencia de xénero, pero medidas efectivas, auténticas e eficaces brillan pola súa ausencia.

Esta é a nosa pandemia de cada día, e previsiblemente toca ...dereita, dereita. Que amargura, que fracaso de país.

Compartir el artículo

stats