Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Lorca e Casal nas Letras Galegas

Entre García Lorca e Galicia flúen canles de comunicación secreta. Ánxel Casal, a figura central da edición en galego anterior á Guerra Civil, sacou á luz en Nós, ano 1935, os Seis Poemas Galegos do autor de “Romancero Gitano”.

Os fíos sutís da memoria técense e non se destecen doadamente. Por exemplo: na mesma imprenta e editorial Nós viron a luz, en 1932 e en 1933, os dous primeiros libros poéticos de Álvaro Cunqueiro. No segundo deles, “Cantiga nova que se chama Riveira”, vén, en frontispicio, este poemeto: “Amor de auga lixeira, /muiñeira./ Amor de auga tardeira, / riveira. / Amor de auga frolida, / cantiga. / Amor de auga perdida, / ña amiga.” No libro “Canciones”, publicado por Lorca en 1936, lemos: “Cipreses / (Agua estancada). / Chopos /(Agua cristalina). / Mimbre / (Agua profunda). / Corazón, / (Agua de pupila)”. A proximidade entre Lorca e Cunqueiro é notoria.

Ogallá prospere a proposta de ser dedicado o próximo Día das Letras Galegas a Federico García Lorca de consún co editor Ánxel Casal Gosenxe

decoration

Se volvemos a Ánxel Casal, veremos que este foi fusilado en Cacheiras (Teo) e que Lorca tivo a mesma morte en Viznar, ambos a mans da barbarie falangista. O que nos transporta ao noso holocausto de “agosto do 36”, por utilizarmos o título dunha grande novela de Xosé Fernández Ferreiro. Carlos Casares, por parte, deixou tamén testemuña dos “mortos de aquel verán” nunha outra magnífica peza narrativa. Eu lembro agora, nebulosamente, o prólogo de Vicente Risco a un libro de poemas en galego do andaluz Juan Pérez Creus. Nel o autor ourensao advirte das relacións xeopolíticas medievais entre o reino de Galicia e a porción andalusí que, no Sul da Península, lles correspondía aos galegos no proxecto e reparto da Reconquista.

Da Andalucía Occidental, por Portugal e Extremadura arriba e abaixo, correron, e se cadra escorregan aínda, escuras afinidades e misterios. Blanco Amor e Guerra da Cal influirían na xestación e publicación de Seis Poemas Galegos. Cunqueiro e Lorca escribiron senllas cantigas que son unha reflexo da outra. Ser, sería benvida unha intervención crítica que puxese en relación certa imaxinería de Lorca con outra, próxima, de Amado Carballo. É feito evidente que a escola amadocarballista galega é, en boa mediada, lorquiana tamén. Temos coñecemento de que foi presentada ao plenario da Academia Galega a proposta de ser dedicado o próximo Día das Letras Galegas a Federico García Lorca de consún co editor Ánxel Casal Gosenxe. Ogallá prospere!

Compartir el artículo

stats