Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pianistas cegos. O caso do vigués Eugenio Pereira

Un dos feitos que máis me impactou sendo cativo (14 anos) foi cando os meus pais compraron o piano co cal realicei a miña carreira, un piano Alemán da marca Offberg. Ese día presentouse na casa un afinador, e a miña sorpresa foi observar que estaba cego. Non só afinou o piano rápido e profesionalmente senón que ao rematar ofreceunos unha hora de recital, facendo un percorrido por importantes obras da literatura do instrumento. Ese músico extraordinario era José Cejudo, profesor de música no Colegio Santiago Apóstol da ONCE en Pontevedra.

A partir dese momento a miña vida estivo ligada ao colexio de Pontevedra, debido a admiración por tres persoas do centro; a primeira o nomeado Cejudo; o segundo o meu primeiro mestre de piano, José Luis Pastoriza; e por último un alumno, hoxe en día director do Centro de Recursos Educativos da ONCE, José Ángel Abraldes. Tamén cheguei a acompañar en moitos recitais e encontros a Coral Cidade de Vigo da ONCE, dirixido por Mariano Vázquez, Javier Santalices e Pablo Pérez.

Os cegos son persoas cunha grande sensibilidade artísticas, chegando a desenvolver un maior sentido da audición que os videntes, sobre todo no que concirne a localización dos sons, pero tamén no olfacto e o tacto, e agudizando as funcións cognitivas como a memoria motriz. Neste senso, o tocar o piano implica memorizar a partitura e sobre todo exercitarse para afianzar muscularmente desprazamentos das mans, saltos, oitavas, e un longo etc.

A incorporación da musicografía braille, inventada por Louis Braille (Francia, 1809-1852), que era tamén ensinante de música, fixo que as persoas cegas tiveran a oportunidade de acceder aos colexios regulados de ensinanza musical o que repercutiu nunha mellora profesional dos invidentes; isto, xerou unha igualdade con respecto ás persoas videntes, sobre todo para exercer de mestres de música titulados. Un dos últimos exemplos desta integración tivo lugar neste xuño de 2021 na Escola Superior de Música de Catalunya, onde se titulou o primeiro director de orquestra cego de España, Adrián Rincón, que tamén é pianista.

No actual panorama musical mundial sobresae o xaponés Nobuyuki Tsujii (Tokio, 1988), que foi o primeiro pianista cego en gañar un concurso internacional, concretamente a 13ª Van Cliburn International Piano Competition, no 2009. Na música popular americana destaca a achega de Ray Charles, Art Tatum ou Stevie Wonder. No século XVIII brillou a pianista austríaca Maria Theresia von Paradis. En España, destacaron historicamente, os organistas Antonio de Cabezón ou Francisco de Salinas, así como o pianista Joaquín Rodrigo. Na música de jazz non podemos obviar a Tete Montoliu ou Ignasi Terraza.

En Vigo, un dos primeiros pianistas cegos foi Eugenio Pereira Vicente. Iniciase no solfexo polo sistema braille co seu pai, Eugenio Pereira Varela, sendo nomeado polo Concello de Vigo, no 1885, substituto do organista da igrexa de Santa María. Estudiou no Colexio de Xordomudos e Cegos de Santiago. No 1887 o concello subvenciónao para realizar estudos, despois de ser avaliado polos profesores de música Piñeiro, Curbera e Miguel. No 1888 efectúase un concerto ao seu beneficio no Teatro Circo Tamberlick de Vigo, no que cooperou a Sociedade de Sextetos da cidade e o orfeón da Sociedade La Oliva. No certame musical celebrado en Pontevedra do 1889, baixo a presidencia do compositor Varela Silvari, obtivo o primeiro premio, interpretando a Danza gíbara de Gottschalk. Finou en Madrid a temperá idade de 17 anos.

Sirva este artigo como testemuña de agradecemento a familia que conforman a ONCE, que tanto levan loitado pola inclusión educativa, social e laboral dos seus afiliados.

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats