Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Tratado de indulxencias

“Salga su majestad: llegue a Aragón, pise Cataluña, muéstrese a sus vasallos, satisfágalos, mírelos y consuélelos; que más acaban y más felizmente triunfan los ojos del príncipe que los más poderosos ejércitos.” Como queira que este cronista nin se chama Isabel nin aspira a competir por ningunha presidencia, velaí que, antes que ao actual monarca das Españas, si que me atrevo a lembrar aquí –e para tutti quanti– as palabras de D. Francisco Manuel de Melo, dirixidas a outro Filipe, Filipe IV, noutra difícil xeira histórica. En todo caso, verbas benevolentes, apuntamentos de indulxencia.

Como de certo han de coñecer moitos dos, sempre moi amables, lectores, a palabra ‘indulxencia’ –como asemade aqueloutra, ‘indulto’– ten orixe no latín indultum –formada, á súa vez, polo prefixo in- (‘retirar’) e mais o substantivo dultum (isto é, ‘débeda’). Xa que logo, acontece, e sempre de acordo coa teoloxía católica, que, se ben a indulxencia non perdoa de seu o(s) pecado(s) cometido(s), si que exime o pecador das penas de carácter temporal, veñan ter as tales fectos durante a cronoloxía terrenal ou xa para despois de que o transgresor pase “a mellor vida”. Vaia; que por máis que non se trate do sacramento da penitencia, si que aparece –a indulxencia, outra volta– nitidamente relacionada con aquel, e pode devir concedida, en todo caso, a calquera que leve a cabo unha serie de rituais específicos: sen ir máis lonxe, e cando se trata dun ano santo, a visita á tumba do Apóstolo Santiago na catedral compostelá, o rezo dunha oración e recibir o sacramento da confesión ten os efectos de acceder, nin máis nin menos, que a unha (indulxencia) de carácter plenario.

Doutores ten a Igrexa, xuíces competentes a Maxistratura e soberanos a terra que estamos a habitar. Agora ben; non sei Vdes., pero o autor destas liñas si que tiña a percepción de que, se non todos, si que unha gran parte dos dirixentes, seareiros... das forzas políticas que, o pasado domingo, 13, se foron concentrar na madrileña praza de Colón resultaba educada –cando non practicante; incluso a propia Sra. Ayuso, segundo vén de declarar ela mesma nun coñecido programa de TV, talvez ande xa en vías de atopar a luz– na fe cristiá e, máis en concreto, naqueles aliñamentos da denominada “apostólica e romana”. De aí, pois, que, para alén da (lóxica) controversia, do debate ideolóxico...,coidaba o cronista que si que lle coubese o horizonte, que fose posible enxergarmos a esperanza dun creto e que, a pesar de todos os pesares, triunfasen ao cabo os poderes do rescate e, consecuentemente, a lóxica da indulxencia. Sobre todo cando ocorre que algúns dos principais (posibles) destinatarios da mesmo –velaí, por exemplo, o caso de D. Oriol Junqueras i Vies– teñen declarado o seu decidido xorne católico. Isto é, esa mesma fidelidade que profesan, poño por caso, D. Pablo Casado ou, que sei eu, Dna. Esperanza Aguirre.

“Non se trata de ningunha candidez; si de afirmar que xa lle abonda de traxedias patrias”

decoration

“Pero é que, para que haxa un perdón, un indulto, cómpre, primeiro, que os réprobos se arrepintan do que fixeron!”, clamarán, sen dúbida, algúns e algunhas. “E quen nos asegura que, unha vez na rúa, non van volver outra vez ás andadas?”, engadiran decontado outros e mais outras. Miñas e meus, a ver: poida que nalgún tempo pasado, a cousa dunha confesión urbi et orbi tivese o seu aquel; porén, non parece ser esa a fórmula máis axeitada nos nosos días nin, desde logo, a de maiores credenciais; antes ben, as autoacusacións públicas si que remeten, polo contrario, a reximes totalitarios de moi dubidosa moralidade. Entón, se a democracia non admite segundas oportunidades, de que democracia real se trata?

E si, claro: unha cousa é que prevaleza o optimismo –mellor dito: a aposta polo optimismo– e outra é que vaiamos caer na pura candidez e mais no “aquí non pasou nada” e “pelillos a la mar”. Pero si que se trata, penso, de aceptarmos un reto e fiarmos non só nunha Cataluña onde a crispación dea paso á convivencia, senón tamén nunha España lonxe da ira e dos rancores, un país de países onde sexamos capaces de comportarnos cun mínimo de sentidiño, sen irmos non dar, si ou tamén na traxedia. Porque o que é de traxedias patrias..., iso coido que xa lle abonda ben!

Ao cabo, e outra vez con D. Francisco Manuel de Melo: “Miserable, por cierto, sería aquella guerra en que nosotros mismos fuésemos los vencedores y los vencidos... Este era el consuelo de los trabajos que la monarquía padece en sus partes: gozar a nuestra España con quietud”. Catrocentos anos máis tarde, e con “todo o que leva caído”, quixera acreditar en que unhas palabras tales han de petar con forza nos corazóns.

Compartir el artículo

stats