Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

No pasamento de Alfonso Paz-Andrade

A nosa amizade procedía dos tempos difíciles nos cales o seu pai, Valentín, aínda podía ser preso e procesado pola xurisdición militar a causa dun comentario en Industrias Pesqueras que non fora do agrado da mariña de guerra. Eu recordo Alfonso no grupo entusiástico que se formou na comunidade estudantil de Compostela en protesta pola dura represión exercida sobre os labregos de Mazaricos. Logo el apareceu pola cidade, pubs varias veces centenarios e seráns morriñentos do Randolph que son parte complementaria da universidade de Oxford. Se cadra foi alí onde el adquiriu o seu inglés rico e non exento de elegancias clásicas. Alfonso dominaba, coma poucos galegos, o portugués, alén doutras linguas. Houbo un tempo en que non se podía apañar un voo internacional sen bater con Alfonso cargado de bolsas en calquera terminal de aeroporto do mundo. En Oxford, alén de se impregnar do acento, entrou na casa, na que se agardaba por el, de Salvador de Madariaga, exiliado republicano de nebulosa orixe galega. Non era nebulosa a galeguidade de Osorio Tafall, comisario da ONU e antigo xefe de comisarios políticos da España republicana en guerra, a quen tamén o noso amigo tratou e de quen aprendeu.

No despacho profesional de Valentín, na mesma casa en que Alfonso naceu, en Policarpo Sanz, a persoa de quen nos despedimos hoxe coñeceu a totalidade dos individuos republicanos e nacionalistas que viñan, pouco e pouco, voltando a pisar terra patria. Alfonso foi medrando en experiencia e revelouse un empresario industrial de primeiro nivel que destacaba na fabricación de maquinaria para a pesca, na súa factoría de Ibercisa. Os talleres desta empresa estiveron nun local dos novos soportais do Berbés e nun edificio que fora ergueito a raíz da Feria del Mar en días en que Alfonso era moi neno. É curioso que a primeira popularidade de Alfonso Paz-Andrade derivase do éxito que obtivo organizando as exposicións internacionais de pesca coñecidas como World Fishing, ás cales conseguiu traer, en duro franquismo as máximas autoridades soviéticas en materia de pesquerías. O que nos leva ás súas dotes de negociador. Obtivo para Pescanova concesións en Mozambique e Namibia en trato directo con líderes saídos da Revolución. Os seus labores de mediación na Cuba bloqueada fixeron que algúns imaxinasen a Alfonso no posto de ministro dos negocios extranxeiros dunha República dos Sonhos (Nélida Piñón) necesariamente galega.

Alfonso era home de monte tamén, que elixiu asentarse nas alturas de Gondomar, onde o foi sorprender a morte. Amou os cabalos, outros animais e plantas do mundo enteiro. A estas últimas consagrou unha fundación que hoxe da lustre á cidade de Vigo. Foi falante asiduo e leal do galego e nunca deixou de lle dar voltas a Galicia que, na liña do seu pai, el entendía “como tarea”. Á súa nai, esposa e fillos, unímonos neste intre de pranto, palabra esta que tamén Valentín soubo pronunciar nun poema memorable á morte de Castelao. Séxalle leve a terra a Alfonso Paz- Andrade Rodríguez.

Compartir el artículo

stats