Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Petroglifos

Chamámoslle petroglifos aínda que hoxe a tendencia normativa nos acurra a lle mudar a tonicidade e a pronunciarmos a palabra coma “petróglifos”. Constitúen un universo histórico inseparábel da Gallaecia permanente. Con diferentes morfoloxías aparecen petroglifos noutros territorios do planeta. E tamén con morfoloxías idénticas ás dos nosos.

Os petroglifos de que falamos foron descoñecidos dos eruditos galegos dos séculos XVIII e XIX. Pondal, que forxou xenialmente unha poesía nacional na prehistoria, descoñeceu os petroglifos. É aí onde aparece Ramón Sobrino Buhigas, científico naturalista, iniciando a ciencia dos nosos petroglifos. Sábese dun seu primeiro estudo sobre o tema: Insculturas gallegas prerromanas, 1919. Máis adiante el daría un compendio da materia nunha obra que foi publicada en latín polo Seminario de Estudos Galegos: Corpus Petroglyphorum Gallaecia, 1935.

Nesta publicación, Sobrino carimbou para sempre a palabra petroglifo. Teño a impresión de que tardou en xeneralizarse a curiosidade sobre os petroglifos debido a que a guerra civil o confundía todo. Parece, sen embargo que o Corpus de Sobrino tivo unha magnífica acollida internacional, alén de doméstica. Con posterioridade, apareceu Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, fillo do anterior. Ao segundo Sobrino debémoslle a ampliación dos estudos de petroglifos e a mellora das tácticas de prospección e análise do tema. E veliquí que abrollou, en Compostela e nos anos sesenta do século XX unha nova xeración de arqueólogos que aceptaron o maxisterio aberto dos sabio polifacético Fermín Bouza Brei.

O coñecemento dos petroglifos non cesa de se expandir e faino en forma de espiral eterna

decoration

Un deste mozos, Carlos García Martínez, en 1971 e 1975 enfrentou con ambición o mundo diverso e fascinante dos petroglifos galegos e centrouse naqueles de Campo Lameiro que xa ambos Sobrino tiña, privilexiado. Finalmente, a Xunta puxo en funcionamento, precisamente en Campo Lameiro, un centro de interpretación da arte rupestre de Galicia que axudou a robustecer a conciencia do que as Irmandades chamaran “soberanía estética de Galicia”. Saudamos a aparición dun libro luminoso: VVAA, Ramón sobrino Lorenzo-Ruza. Memoria e legado dos petróglifos, A Rula, A Coruña, 2020. Nesta publicación participa, de xeito destacado, Ángel Núñez Sobrino, descendente do descubridor.

Ao mesmo tempo, chéganos desde Ourense, recén publicado o número 45 da excelente revista cultural Raigame. Nesta entrega aparecen dous artigos que dan conta de estacións de arte rupestre de Galicia descoñecidas para nós. David Pérez López e Celestino Barba Sierra infórmannos sobre a arte lítica do Monte Grande que na prehistoria separaba os Coelerni das tribos do Leste. E, por parte, Nieves Amado Rolán instrúenos sobre petroglifos, tamén inéditos para nós, nas montañas de Laza. O coñecemento dos petroglifos non cesa de se expandir e faino en forma de espiral eterna.

Compartir el artículo

stats