Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

“Catolicismo”

Nos anos 40 do século pasado entraba na nosa casa unha revista titulada “Catolicismo” que estaba dedicada a difundir noticias e reportaxes sobre países e colonias do que, máis tarde, había de ser coñecido coma o Terceiro Mundo. En realidade, tratábase do órgano oficial das misións pontificias. Eu, con frecuencia, recórdome de “Catolicismo”, e coido que o Papa Francisco tamén o fará, dado que a publicación parece que estaba orientada polos xesuítas.

Na miña reminiscencia permanecen indelebeis algunhas páxinas e fotos desta revista. Coma tal, en 1945, un mapa da China coa fouce e o martelo sobreposta a un urso terríbel, insignia da URSS, que derrubaba violentamente a Grande Muralla. Tamén teño memoria dunha crónica enviada desde o Xapón na que o seu autor, se cadra o padre Arrupe, contaba os efectos horrorosos das bombas norteamericanas que caíron sobre Hiroshima e Nagasaki. En xeral, “Catolicismo” era unha publicación instructiva en materia de descripción de etnias e culturas das consideradas primitivas, entre outras cousas por non ter sido cristianizadas.

"A propaganda producida polo Imperio céntrase en lle facer crer ao mundo que os mahometanos chineses están a sofrer persecución"

decoration

Nunca esquecerei a impresión que me produciron unhas fotos de efixies de Buda decapitadas polos chineses musulmáns. Moito máis tarde, eu había de me lembrar de “Catolicismo” ao coñecer o bombardeo das estatuas xigantes do Afganistán feito polas milicias talibanas. Agora, volven a min eses episodios de brutalidade fanática ao ver como os servizos dos Estados Unidos apretan o acelerador contra a República Popular Chinesa encirrando os islámicos do antigo Turquestán, actual provincia de Sin-k’iang.

A verdade é que o vixente sistema político chinés permite cultos e crenzas. Sen embargo, a propaganda producida polo Imperio céntrase en lle facer crer ao mundo que os mahometanos chineses están a sofrer persecución. Un medio de comunicación da dereita española, inclusive, destacou reporteiros a comunidades de relixión mahometana da China co fin de facer críbel o relato dunha persecución atea contra o Islam. Relato este que xa está mudando, nunha metamorfose que o fai máis aceptábel no conto dunha campaña de exterminio da etnia vigur. A relixión nunca foi realmente motivo dun conflicto armado. Máis ben actúa na historia como superestructura que enmascara toda clase de intencións ocultas.

Compartir el artículo

stats