Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De idiomas, utilidades e identidades (e II)

En relación coa columna -do mesmo título que a actual- publicada o pasado sábado, 22, nestas mesmas páxinas, póñense en contacto co autor da mesma algúns de entre Vdes., sempre moi amables lectores, para inquerirme o seguinte: “Moi ben, pero...é que resposta, que camiño lle ve Vde., Sr. Pena, xa que logo, ao proceso de normalización do idioma galego?” “Cabe, de veras, a esperanza ou, polo contrario, estamos a asistir ás exequias dunha lingua?”

Nin que dicir ten, este cronista carece de calquera cualidade profética respecto desta, ou de calquera outra, temática. Asemade, non dispoño de máis datos que aqueles que son de dominio público. Non obstante, si que non quero eludir unha opinión ao respecto, por máis que esta deveña apenas produto dunha reflexión subxectiva, con todo o que iso significa.

Apocalíticos e integrados -dito/escrito vaia coa licenza e mais a memoria do grande Umberto Eco. Pero tamén utópicos. Velaí, pois e no xuízo deste cronista, os tres discursos que se viñeron artellando arredor das circunstancias nas que vive o idioma galego e mais da súa posible/imposible solución. Tres discursos que, polo demais, poden resultar perceptibles aínda nunha mesma persoa. Quero dicir que non resulta inaudito que alguén se veña erguer de boa maña considerando que todo está perdido, que os datos -reitero, públicos- se amosan abafantes, mais que nesoutra alborada do día seguinte se apunte, porén, na confraría dos que contemplan o vaso non só medio cheo, senón en franca xeira recuperadora. En fin, o noso protagonista incluso pode soñar todas as noites cunha “Galiza só en galego” tal e como se a Idade Media, o rei D. Denís e todos os trobadores, resucitasen no medio e medio dos mortais do noso tempo.

A ver; son dos que coidan que a gran maioría dos nosos concidadáns castelán-falantes teñen non só unha boa consideración do galego senón que asemade interpretan que se trata dun patrimonio que pertence ao conxunto dos habitantes deste país e que é preciso conservar, ensinar, difundir...É dicir, para eles, o idioma si constitúe algo valioso e en ningún caso se mostrarían partidarios de poñer atrancos á súa plena normalización.

Agora ben; unha cousa é o que vimos de sinalar e outra, ben diferente, é que dean o paso de abandonar o castelán -ou deixalo en segundo termo- e transformárense en neo-falantes habituais. Contradición? Na estima de determinadas xentes, non só se trata diso senón aínda de pura e dura esquizofrenia, hipocrisía..., unha verdadeira declaración de inanidade.

Do que se trata é de acadarnos para o idioma unha atmósfera identitaria e afectiva

decoration

Pois ben; penso que nada bo, nada elementalmente democrático se vai conseguir persistindo nesa análise/perspectiva intregrista que, ao meu ver, conduce cara a ningures. Ao longo dos meus, moitos, anos de experiencia docente, o achegamento, a comprensión... diante de alumnos que presentaban a panorámica descrita se ben non concluíu de seu nunha mudanza decisiva de usos lingüísticos si que levou, en calquera caso, a un afianzamento do afecto polo noso idioma e tamén a unha actitude en favor da súa normalización. Polo contrario, sempre que algúns compañeiros foron teimar nunha práctica de confrontación, puiden comprobar que, antes que calquera avance, o que si tivo lugar, ao cabo, foi un retroceso e, o peor de todo, incluso un rexeitamento pola forma idiomática dos devanceiros e aínda pola propia terra nativa.

Polo tanto, e abondando na orixe destas liñas -a afirmación do profesor Ramón Villares de que “os rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten”-, aquilo que si son quen de percibir é que do que de veras se trata é de acentuarmos o carácter de sinal de patrimonio común do idioma en todos os nosos rapaces e raparigas, sexan estes galego-falantes ou castelán-falantes. É dicir, alicerzarmos nunha ideoloxización -no bo sentido do termo; isto é, ideoloxía interpretada como imago mundi, como táboa de valores-, nunha atmosfera identitaria afectiva para alén, desde logo, de acadar seareiros para unha(s) determinada(s) formación política. Unha ideoloxización, polo demais, para nada excluínte e respectuosa asemade con todos aqueles que vaian continuar expresándose en castelán e aos que en ningún caso cabe desconsiderar; porque estamos a falar, cómpre non esquecelo, de de galegos e galegas cos mesmos dereitos (e deberes) que para todos cómpre reclamar. Xa que logo, coido que o único camiño -reitero, democrático- ha de consistir en superar discursos grandilocuentes, deixar a un lado retóricas estériles e trazar, mellor, obxectivos sensatos.En fin, asumirmos de vez a Galiza real.

Compartir el artículo

stats