Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Churras e meiriñas ou Villares e Freixanes

Acostuman dicir os manuais de lingüística que as conxuncións carecen de significación plena, de significación léxica. Non obstante eu confío na capacidade expresiva do meu titular convencido que as copulativas unen cousas da mesma categoría. Así que, como as churras e meiriñas malia ser distinta raza non deixan de ser ovellas, tamén as opinións de Villares e Freixanes sendo aparentemente diferentes, teñen o mesmo obxectivo.

Estou a referirme para poder establecer este paralelismo ás declaracións que ambos académicos realizaron en datas recentes a distintos medios de comunicación. As do profesor Villares foron contestadas asisada e contundentemente polo que pouco podemos engadir ao respecto. Como non sexa tentar explicar as razóns que poden empuxar a unha persoa intelixente como é o profesor Villares a escorregar e perder o equilibrio que proporciona a reflexión e a responsabilidade intelectual. E non se me ocorre outra explicación que relacionar a súa postura disparatada, villarada ao fin, coa data recente da súa xubilación ao cumplir 70 anos. O sentido da miña hipótese é que o discurso do profesor Villares manifestouse durante moitos anos nun formato institucional, protexido e amparado, como consecuencia, polo aparato oficial xa fose cando era reitor da USC ou cando era presidente do Consello da Cultura Galega. Ocorre con frecuencia que cando un se sinte desamparado, aínda que non sexa real esa percepción, procura atopar acomodo para o seu discurso. Cando se chega de lugares confortables non é fácil soportar a sensación de intemperie. Porque manifestar que non se pode obrigar a falar galego por decreto é como dicir que non se poden salvar vidas de enfermos mediante o boletín oficial.

Naturalmente que non pero a consellería de Sanidade pode, mediante leis axeitadas, dotar equipos médicos que eviten esas mortes dos doentes da mesma maneira que unha política lingüística protectora pode evitar os estragos que se están a suceder na saúde dos falantes do galego. Nun futuro inmediato tamén comprobaremos a incidencia que puidese ter nas declaracións que comentamos a deriva da RAG que semella orientarse na dirección dunha futura papisa fanando as posibles e lexítimas pretensións do profesor Villares de presidir a institución.

É moi preocupante o resultado final: o carácter subalterno, a dependencia absoluta de certas institucións, moi especialmente a RAG, que se limitan a cantar cancións con letra e música alleas

decoration

Pero moito máis preocupante é aínda o discurso institucional de Freixanes. Nas declaracións de Villares hai alomenos un diagnóstico que asume implícitamente unha patoloxía pero o presidente da RAG parte da premisa errada e negacionista de que todo o mundo está a favor da lingua e hai que consensuar mentres o paciente agoniza sen ser auscultado. É dicir, carece de discurso e de argumentos.

En “casual e afortunada coincidencia” algún áulico e prestixioso opiniólogo exerce de megáfono e reforza estes mesmos argumentos que milagrosamente serán en pouco máis de vinte e catro horas citados como suprema auctoritas no Parlamento. Semella un discurso que se xera nun punto concreto e despois de recorrer diferentes espazos comunicativos retorna ao punto de orixe simulando unha procedencia espontánea, individual, libre e intelectual. Este circuíto comunicativo, monitorizado e controlado, pretende que os lectores nos perdamos no camiño e non notemos o control remoto que o impulsa.

É moi preocupante o resultado final: o carácter subalterno, a dependencia absoluta de certas institucións, moi especialmente a RAG, que se limitan a cantar cancións con letra e música alleas. Tamén os rabaños de ovellas, sexan de churras ou meiriñas, circulan polas cañadas tradicionais, monitorizados e pastoreados a través do móbil.

*Membro numerario da RAG

Compartir el artículo

stats