Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un libro e unha rosa

O pasado día 14 foi presentado na Facultade de Filoloxía de Vigo o libro de Ferrín, ‘No Fondo dos espellos’. Recolle 261 artigos aparecidos na sección que co mesmo título publicou FARO DE VIGO ao longo dos anos 2015-2020 todos os sábados. Estivo acompañado o autor polo decano da Facultade, o profesor José Montero Reguera, polo director do FARO DE VIGO Rogelio Garrido e polo editor da obra, o profesor Fernando Ramallo.

Debaixo dunha variada temática latexa en todos os artigos do libro unha idea central que os agrupa: construír e facer país. A obra periodística de Ferrín, igual que a súa obra literaria, cobra sentido pleno lida como estratexia para narrar a nación. Esta responsabilidade anoa os máis diversos temas, aparentemente alonxados entre si, establecendo entre todos eles a mesma relación que hai entre os ladrillos e os planos para construír un edificio.

Consciente de que a historia de Galicia é unha historia oculta, inscrita en parte nas laxes da nosa terra e de difícil lectura, o discurso periodístico de Ferrín desempeña unha función constitutiva que depende da súa eficacia retórica e persuasiva, da súa lóxica e da súa coherencia. E tamén depende da súa capacidade para descubrir u oculto. Non é allea a esta procura o título da sección, No fondo dos espellos que, amais das evocacións literarias, quere significar a arte de pesca chamada “espello” ou “mirafondos” que permite de maneira sinxela localizar, descubrir o que está oculto debaixo das augas. Este empeño de descubrir e mostrar é xaora outro dos fíos que estruturan o conxunto dos traballos do mesmo xeito que facían os cosmógrafos na época dos descubrimentos que ensanchaban o mundo levantando mapas e portulanos das novas terras.

Deste afán de busca xurde outra idea esencial inspiradora dos seus artigos periodísticos: crear espazos habitables para o pobo aínda que teña que mirar, en moitas ocasión, para o pasado. Un pasado, por certo, evocado con ambicións de futuro. Tal é así que toda afirmación de Ferrín sobre o pasado constitúe unha reivindicación sobre o presente. A creación de novos espazos reclama sempre unha espacialización do tempo histórico, unha humanización creativa que transforma unha parte do espazo terrestre nun lugar de vida histórica para o pobo.

A idea esencial inspiradora dos seus artigos periodísticos: crear espazos habitables para o pobo aínda que teña que mirar, en moitas ocasión, para o pasado

decoration

Para conseguilo parte dunha perspectiva humanística que contempla o espazo de forma interdisciplinar: xeografía, historia, etnografía, socioloxía, arte, costumes, lendas, bioloxía e ciencias da natureza.

En definitiva, a paisaxe e os obxectos como ronsel da historia, desde os primitivos castros ata as cidades actuais. E sempre relacionando o medio físico coa poboación, a xente e os seus traballos e actividades diarias. Nada existe fóra do discurso e o gran perigo non é a realidade é o discurso exterior, alleo, o contradiscurso.

Como expresión do sentimento nacional popular conservado nunha memoria radical -no senso etimolóxico- o discurso que proxecta a obra periodística de Ferrín é un proceso diacrónico e dinámico, dialéctico, en constante oposición ao aparato ideolóxico do poder do Estado, do poder político que presenta unha estrutura social, unhas fronteiras e un mapa estruturado como entidade natural, sincrónica e estática.

Ferrín parte dunha realidade chamada Gallaeciae e os seus habitantes os galaicos. E deseguida quere poñer a diferencia entre as irracionais fronteiras políticas que a configuran actualmente e as fronteiras naturais marcadas pola orografía, bocarribeiras e, nomeadamente pola lingua galaico-portuguesa.

Por veces ten necesariamente que contar historias porque as vidas humanas necesitan ser contadas sobre todo cando se trata de salvar a memoria dun pobo de perdedores e vencidos. Tal é o caso de Roi Xordo, sempre evocado.

Nos prolegómenos do acto unha alumna chamada Ara Luna agasallou ao autor cunha rosa. Durante o coloquio final confesou ao público asistente que era da súa horta e quería así agradecer a xenerosidade intelectual e a bondade que rezuman os artigos de Ferrín. Beizóns.

*Membro da Real Academia Galega

Compartir el artículo

stats