Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

En Vigo, a 17 de Maio

Hai hoxe 158 anos, Rosalía de Castro asinaba a dedicatoria do seu libro ‘Cantares Gallegos’. Téndese a crer que ela escolleu tal data co fin de agarimar o seu marido, Manuel Antonio Martínez Murguía, cando cumpría 30 anos. Sexa esta ou non a motivación, o caso é que, en 1863, no tempo en que se esvaeceran as ardencias do Banquete de Conxo e cando aínda non alborecera a gloriosa revolución de 1868, ‘Cantares Gallegos’ saeu a luz da inmortalidade en Vigo, e na imprenta Compañel da rúa Real, so a protección da célula republicana e protonacionalista que escollera Vigo como capital dunha nova Galicia. 158 anos máis tarde, nunha conversa entre Fernández del Riego e Gómez Román, ambos supervivintes do Partido Galeguista da II República, xurdiu a idea de fundar un Día das Letras Galegas. Del Riego e Gómez Román coidaron que tería que ser a Academia Galega o organismo idóneo para tal promulgación. Eles dous solicitaron apoio doutro numerario, Xesús Ferro Couselo, para suscribir a proposta.

A aceptación do plenario da Academia foi total e o 17 de Maio de 1963 alumeou o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado á memoria de ‘Cantares Gallegos’ e da súa autora. A idea, que nacera en Vigo, foi acollida con entusiasmo en toda Galicia. Celebráronse actos importantes e Xohán Ledo, artista gráfico principal da Editorial Galaxia difundiu, por todo o país un magnífico afiche rosaliano cuxa posesión é hoxe cobizada polo coleccionismo. A partir de 1963, o día das Letras non fixo outra cousa que medrar de seu e sen protección oficial. Importante celebración de masas está a ser este 17 de Maio dedicado á memoria de Xela Arias (1962-2003). Ela, formada en Vigo e na súa universidade, foi unha xove traballadora e intelectual que morreu cando iniciaba os seus primeiros pasos como profesora. O que pubricou, alén de traducións escrupulosas, é unha poesía fortemente sentida, ás veces conceptual, aberta en fracturas inesperadas e capaces de provocar ovación provocou ovación tumultuosa.

Estes días estase a producir, arredor do Día das Letras Galegas unha sorte de resurrección prodixiosa de Xela Arias, autora cuxa voz e cosmovisión se temperaron en clave crítica de nación galega. No día de hoxe, as voces poéticas de Rosalía de Castro e de Xela Arias mestúranse nun canto imposíbel que nin o poder da Morte pode calar.

Compartir el artículo

stats