Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nicolás González Casares

O CIS de Lalín

Onte tiven a oportunidade de achegarme ao inicio das obras do Centro Integral de Saúde. E a verdade é que sentinme orgulloso de ver como un dos primeiros sitios no que se van notar os fondos do Plan de Recuperación Next Generation EU que aprobamos en Bruxelas é na miña vila e nun proxecto que, aínda que mutilado sobre o inicial, é moi necesario.

A construcción do CIS de Lalín estará financiada ata o 100% polos fondos mobilizados para facer fronte aos problemas sanitarios da pandemia. En particular trátase do mecanismo REACT EU, que o Goberno de Pedro Sánchez transfireu ás comunidades autónomas. Por isto chámame mais atención eses carteis propagandísticos e algo estrafalarios que puxo a Xunta “A Xunta con Lalín” e que probablemente teña que retirar porque non cumpren a normativa xa que na maioría deles non aparece o logo da UE. Trasladareille este feito á comisaria de Desenvolvemento Rexional, a portuguesa Elisa Ferreira, pois menoscabar o esforzo e a solidariedade europea non é de recibo.

Foi pouco elegante que os conselleiros intervintes no acto non fixeran nin unha soa referencia a que son os fondos de recuperación da UE os que fan posible esta necesaria infraestrutura sanitaria. Antonte dicía Feijóo que o PP tiña que ter un perfil máis europeo, pero ás primeiras de cambio evitan mencionar o que a UE financia en Galicia, tampouco é moi de extrañar pois trataron de impedir que España recibira estes cartos. Cando desde a Xunta falan da transparencia do Plan de Recuperación poderían aplicarse o conto.

Por outro lado, quero agradecer que o alcalde, José Crespo, Iglesias lembrara o traballo feito polas corporacións anteriores para a consecución desta infraestrutura. O Concello de Lalín vai gastar moito máis dos seus recursos propios que a Xunta, non nos fan ningún regalo cun ambulatorio esgotado e que literalmente se cae pois leva meses apuntalado. Lembrarlle ao alcalde un detalle que está recollido nas actas do Concello e nos medios. O voceiro socialista en 2009, Manuel González Aller, insisteulle por activa e por pasiva a Crespo en que era no Alto de Vales onde había que facer o novo centro e iste negouse en varias ocasións so por facer liorta política co bipartito. Ao final a razón de Manolo impúxose e Crespo fixo o seu traballo conseguindo os terreos. Agora cos cartos para a recuperación da pandemia provintes da UE a Xunta atopou o financiamento preciso para a súa execución, non foi sen tempo.

Desde logo so hai que darse unha volta pola nosa vila para observar que a UE é o principal inversor en Lalín xerando melloras para cidadanía, actividade económica e emprego.

*Eurodeputado do PSOE.

Compartir el artículo

stats