“Se fue a New York City./A la torre de un hotel/Te ha robado la cartera,/se ha llevado hasta tu piel”. Coido ben que han de ser aínda algúns aqueles/as, de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais-, os/as que cantasen e/ou bailasen a célebre composición, interpretada por un pletórico Ricky Martin, por volta das felices discotecas do ano de graza de 1999. Pois ben; se habemos de tomar como referencia esoutras escenas vividas o pasado sábado, 8 dos presentes, así nas prazas e rúas das Españas como aínda nesoutras da Unión Europea, velaí que o pop latino está de volta, e máis garrido e vigoroso que nunca. Iso si: de acordo con esoutra rock star, agora mesmo a aboiar entre nubes de algodón, nata e merengue, que atende por Isabel Natividad Díaz Ayuso, onde a letra do texto poñía “New York City”, debemos corrixir por “Madrid, D.C., e é que sabido resulta que para vivir “la vida loca”, nada mellor que “la villa y corte” a quen Deus fixo “la cuna del requiebro y del chotís”. Dito /escrito, pois, con ritmo isabelino: “Ella te dirá:/Vive la vida loca/Sh´es livin´la vida loca.”

“Inaturable, insensato, insufrible...,inusitado por completo!” Velaí a sentenza condenatoria non só do común dos mortais -ao cabo, ben lóxica- senón aínda desoutros pais e nais da patria, supetamente abraiados diante dun comportamento que, polo visto, xulgaban imprevisible, inaudito, chocante... tal e como se eles/elas xamais tivesen escachado prato ningún durante os seus tempos de mocidade, e é que está claro que a nosa memoria si que devén selectiva. Pais/nais, uns cantos/as dos cales, todo hai que dicilo/escribilo, tampouco é que deixen de amosar a súa querencia por esa mesma forza política que sostén no seu trono á lizgaira representante do “vivir á madrileña”: moda, polo demais, a propagarse polo conxunto de tribos -veñan ser estas patrióticas ou díscolas- que habitan o territorio das Españas e mesmo entre aqueloutras a transitaren alén dos Pirineos.

Nin novos nin vellos estamos a destacar polas altas doses de coherencia

“Giovinezza, giovinezza,/primavera di bellezza./Per la vita, nell´asprezza/il tuo canto squilla e va!” (“Mocidade, mocidade,/primavera de beleza./Na aspereza da vida/o teu canto retumba e vai!”). Giuseppe Blanc, Gabriele d´Annunzio, Filippo Marinetti..., todos eles foron proclamar o valor e mais a necesidade de “vivere pericolosamente”, rexeitando os “falsos e aburridos convencionalismos burgueses”, a “imposible vulgaridade filistea.” Ou o que vén ser o mesmo: prohibida, morta, enterrada -e mesmo directamente asasinada a social-democracia; léase Olof Palme-, e establecido urbi et orbi que en ningún caso lles cabe aos seus membros agardaren o traballo estable, as vacacións pagadas e mais a pensión tranquila dos seus proxenitores, velaí que o único destino posible das novas xeracións consista, seica -e de non atinxiren o doutorado en influencers e trasladarse a Andorra-, en atropelar as gramáticas, servir pizzas a domicilio e esgotar as reservas de alcohol mentres berran a coro “liberdade, liberdade!” e soben selfies ás redes sociais.

Escrito está que nada pode ser e non ser ao mesmo tempo e no mesmo sentido; ninguén pode acreditar nunha proposición e mais na súa negación. Porén, velaí, e sen ir máis lonxe, as caixas de tabaco advertindo con brutal claridade respecto das consecuencias do mesmo para quen o fuma, e para os seus parceiros, e eis, asemade, miles e miles –moitos deles, ao tempo e paradoxalmente, militantes na cousa ecolóxica- a consumilo arreo. Seareiros do ben pero practicantes do mal? Está claro que aquilo de poñerlle unha vela a Deus e outra ao Maligno funciona máis do que estamos dispostos a asumir. Outra volta, ben que o avisaba Martin: “la tela de la araña,/la uña del dragón/te lleva a los infiernos,/ella es tu adicción.”

Iso si: de continuarmos a este ritmo, na vez de ler o parte meteorolóxico diario da pandemia, tal parece que D. Fernando Simón, améndoas veñen e van, non vai ter máis remedio que informarnos do proceso desoutra curva cotiá -ou, polo menos, semanal- respecto do número de comas etílicos esparexidos por todo o país. “E o remedio para tal”, preguntará alguén? Toda vez que nin novos, pero tampouco vellos -eis papais e avós artellando o Nadal e mais as súas consecuencias- destacamos polas altas doses de coherencia, e máis aló do moi político “rebota, rebota y en tu culo explota”, coido que non pode ser outro máis que o xa coñecido: primeiro, vacinas, vacinas e máis vacinas. Despois, traballo, traballo e máis traballo (estable). Xustiza, xustiza e máis xustiza (social). Socialdemocracia? Pois iso.