Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Parque natural Galiñeiro-Aloia

Chamouse Turonio unha terra ou condado medieval que, situada entre a ría de Vigo e o curso final do río Miño, non nos acaba de revelar as extremas polo Leste. Hoxe, unha mancomunidade de concellos hexemonizada por Vigo podía (non o fai) revitalizar esta terra de Turonio. Unha parte dela é aseñorada, con imperio, polos cumes do Galiñeiro.

Lemos que un movemento de resistencia botou por terra o proxecto de erguer un bosque de torres eólicas no Galiñeiro. Moitos veciños dos municipios afectados por tan grave intervención (Vigo, Gondomar, Mos...) están a mostrarse moi satisfeitos pero desconfían dunha manobra capitalista que teña postos os ollos na explotación mineira do Galiñeiro. Falo dos interesados na riqueza xeolóxica que alí se atesoura, mormente en materia das chamadas hoxe “terras raras”. A mobilización popular en defensa do Galiñeiro non deberá, pois, afrouxar. Ollemos para atrás.

Durante o período de goberno autonómico presidido por Pérez Touriño (PSOE e BNG) tomouse en Santiago unha decisión: ampliar o parque natural do monte Aloia até o Galiñeiro. A unidade xeográfica, arqueolóxica, etnográfica que se cifra nos orónimos Aloia e Galiñeiro é evidente. Hai quen sospeita que a orixinal Terra de Turonio tivo o seu xerme prehistórico nas montañas cuxa evidencia se amosa hoxe nos curutos do Galiñeiro e do Aloia. As partes altas dun e doutro áchanse cercadas por murallas que non poden senón mobilizar a nosa imaxinación cara a resistencia dos galegos antigos no Medulio.

Nesta onda de evocación heroica fluctúan, no fondo dos ollos do espectador fascinado, os petroglifos de espadas colosais e o cortexo de estandartes ou alabardas eternizados no penedo de Auga da Laxe, Monte dos Arruídos do Galiñeiro. Por panasqueiras e toxais que eludiron a obsesión forestalista, pacen en libertade cabalos autóctonos e vacadas soltas. A constitución do parque natural Galiñeiro-Aloia debería converterse no obxectivo prioritario dos que se mobilizaron contra a estación de enerxía eólica.

Autor intelectual do parque Galiñeiro- Aloia foi o escritor e naturalista Xosé Benito Reza, que xa dera pulo e forma a esoutro parque natural que é o galego do Xurés que continuou o nacional portugués de Peneda-Gerês. A primeira cidade de Galicia, Vigo, é continuación de Turonio e non pode manterse á marxe da fundación do parque natural Galiñeiro-Aloia cuxo perfil futuro volve recortarse contra o ceo coa rotundidade dos penedos do Corno do Demo.

Compartir el artículo

stats