Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nasser Zefzafi con Manuel Antonio

Nos anos vinte do século tamén vinte foi a guerra nas montañas extremas do NW de África que a xeografía chama Rif. Dela non se salvaron os máis dos españolitos soldados de cuota e alta e media clase. Sendo eu neno, aínda se falaba do Desastre de Annual mesmo que confundísemos os acontecementos e non distinguiamos ben entre Prim e Primo de Rivera.

Unha personalidade cegadora escintilaba no centro de todas as batallas da Guerra do Rif: a do líder Abd el-Krim. En Ourense os nenos que nos chamabamos Xosé Luís eramos alcumados co segundo apelido de Abd el-Krim, algo modificado como Khatabís. Xosé Ramón e Fernández-Oxea adoptou no Rif o pseudónimo de Ben-Cho-Shey.

"Manuel Antonio mandáballe cartas a Dieste nas que lle recordaba a súa obriga de desertar do exército imperialista español e de pasarse ao rifeño de Abd el-Krim"

decoration

A primeira guerra na que combateu Rafael Dieste cun Mauser na man foi a do Rif. Manuel Antonio, que librara por tuberculose pulmonar, mandáballe cartas a Dieste nas que lle recordaba a súa obriga de desertar do exército imperialista español e de pasarse ao rifeño de Abd el-Krim. O Tudita de Vilanova dos Infantes relatounos moitos e dolorosos episodios daquela guerra, que non era pola independencia de Marrocos senón pola da nación berber ceibe do Rif.

O estado rebelde levaba o nome de República Confederal das Tribos do Rif. A poboación do territorio era e segue sendo de lingua berber que alí chaman tamazight e persisten en escribir nun antigo alfabeto con grafos de apariencia superficial grega ou cirílica. No Rif non están aínda hoxe arabizadas as xentes e odian a monarquía marroquina. Despois de derrotado e preso polos franceses en 1926, Abd el-Krim terminou sendo atraído polo republicanismo socialista exipcio de Nasser. Protexido por este, Abd el-Krim morreu no Cairo aos 81 anos, despois de negarse a recibir do rei de Marrocos, en ocasión da independencia deste reino, ningún tipo de recoñecemento.

"O movemento Hirak, social, republicano, patriota berber, laicista, áchase rexistrado nas listas negras da CIA"

decoration

Ao actual líder do independentismo rifeño (Hirak) os seus pais non lle impuxeron un nome musulmán, senón laico: Nasser, que el usa cuo apelido berberisco Zefzafi. Este novo Nasser foi preso, sodomizado, torturado, por axentes ao servizo do rei Mohamed VI de Marrocos que tamén mexaron por el. O movemento Hirak, social, republicano, patriota berber, laicista, áchase rexistrado nas listas negras da CIA. Da mesma maneira que Manuel Antonio apoiaba a causa rifeña de Abd el-Krim, son moitos os galegos e galegas que fan súa a da defensa de Nasser Zefzafi e dos bérberes de todo o Norte de África.

Compartir el artículo

stats