En Bembrive temos a sorte de contar cunha coral polifónica dende o ano 1928, o Orfeón Helios, que formado por veciños e veciñas da parroquia, entre eles o meu avó, fomentaba a cultura e as xuntanzas ás que a guerra civil lles puxo freo.

Fai corenta anos que se conseguiu recuperar este fermoso grupo e dende aquel momento estivo dirixida por Vicente Rodríguez Abeijón.

Vicente é unha persoa de gran prestixio dentro da música coral galega, membro fundador de FECOGA, director de innumerables coros, tradutor de cancións do inglés, francés, alemán… compositor.

Persoa culta e formada onde as haxa, membro do Consello da Cultura Galega e coñecedor do traballo que está a facer, que para el non é só un traballo, é a súa vida.

Ao longo deste tempo vino dirixir moitas veces, especialmente nos anos en que fun presidenta da SCDR Helios, anos en que acompañei a coral a cantar a Asturias, a Portugal e a innumerables lugares da xeografía galega. Lugares onde eramos recibidos sempre cos brazos abertos e nos que se notaba a devoción que os outros directores tiñan por Vicente.

Corenta anos dan para moito, seguramente tamén habería algún momento gris, pero coido que os bos cóbrenos por completo.

É por todo isto que cando coñezo que acaba de ser cesado como director non o podo entender. E o que menos entendo son as formas que se usaron.

Coido que Vicente gañou ao longo deste tempo un respecto que a actual xunta directiva non lle tivo.

E se me permito facer esta afirmación é porque sei que el foi o primeiro que dixo que estaba chegando o momento do relevo, que el quixo facer un traspaso honroso e deixar a coral noutras mans nas que poder seguir medrando, que todos sabemos que estamos nun momento moi difícil, con toda a actividade cultural bloqueada a causa da pandemia sanitaria; pero o que non se pode facer é mentir e obviar o traballo de toda unha vida.

Moitas grazas polo teu traballo e pola túa implicación con Bembrive.