Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De bosés e de jordis

Certamente, non vén ser a nosa a única xeira na historia da humanidade na cal abrolle o interese, o devezo... –por parte así mesmo de artistas e literatos como tamén da man de historiadores, filósofos e pensadores– en indagar na corrupción da natureza e/ou no lado escuro do corazón humano. Mais si que tal semella que, se ben a bondade en demasía non deixa de parecernos aínda admirable, moito máis sedutora se manifesta, diante dos ollos contemporáneos, esoutra contundencia do reverso. Xa que logo, mentres a santidade devén plana e monótona, os malvados, polo contrario, andan a argallar, maquinar..., perpetraren iniquidades arreo. Claro é que, despois de todo, vén tratarse de algo que lles vai de seu no contrato laboral.

Entrevistar, daquela, a Jack o Destripador? Facerlle unha interviú a Pol Pot, a Hannibal Lecter ou, xa postos, a D. Lucifer Satanás e Belcebú de Todos os Infernos? Definitivamente, se o autor da mesma resulta ser un xornalista “de raza”, a resposta non admite dúbidas: si e tamén si. Agora ben; vaille de veras no oficio, ao autor da mesma, ser quen de evitar en todo momento que aquilo que se presenta como unha sondaxe, como unha procura profesional se vaia transformar nun atril, nun púlpito, nunha plataforma... para que, xa o propio demo, xa calquera dos seus acólitos, aproveiten a oportunidade para “largaren” urbi et orbi o seu mitin, endosar(nos) a súa demagoxia perversa. Está claro, pois, e poño por caso, que cómpre coñecermos os revirados argumentos dun racista, dun homófobo ou dun machista. Pero tamén lle cómpre, e tanto, que ningún deles poida transformar un micro e/ou unha camára en obxecto de manipulación, feliz destino da súa epifanía.

"Calquera parvo pode argumentar o mesmo ca el sen necesidade de remontarse ás raíces de ningunha aristocracia toureira"

decoration

Malia o que algúns analistas, observadores críticos... andan agora mesmo a escribir ou a comentar desde os diferentes medios, coido que nada diso –é dicir, unha perda do control e, en consecuencia, dun “asalto ao Palacio de Inverno” por parte do protagonista entrevistado– foi acontecer, porén, no transcurso dos dous episodios da longa conversa que Jordi Évole mantivo con Miguel Bosé, emitida nos pasados días por La Sexta. Non coñezo, desde logo, aquilo que opinarán Vdes.; mais, na miña estima, si que asistimos a un excelente exercicio xornalístico: primeiro, polo que supón –e volveremos axiña sobre o asunto– de retrato (poida que tamén de caricatura) de Bosé pero asemade porque, nun moi difícil equilibrio –e que se ameazaba lastrado pola declaración de Évole en relación á existencia dunha amizade (que non compadreo) entre entrevistador e entrevistado–, o cantante de “Bandido” e “Sevilla” foi incapaz de “colocar” a súa absurda mensaxe. Ou o que vén ser o mesmo: a procura non dexenerou en ningún momento nunha apoloxía da mesma.

En efecto; o discurso negacionista –a pesar de ocupar, acaso, demasiados minutos– foi, é, o menos interesante de todo o proceso. En realidade, e de non suceder polo nome e apelidos de quen o sostén, carece da máis mínima importancia, eivado desde o minuto cero de inconsistencia, mínimo rigor e mesura. Postos a debater de ciencia/non ciencia, a “largada” de Bosé resulta puro lixo; e é que acontece que calquera parvo pode argumentar o mesmo ca el sen necesidade de remontarse ás raíces de ningunha aristocracia toureira. Nada, pois, de recursos senlleiros; nada de información ao alcance tan só de divinos privilexiados. Apenas pura ganga sen mínimo valor.

"E diante de Narciso, mitificado e (case) divinizado, velaí Jordi. Ou, para sermos exactos, Jordi, o ser humano, 'un dos nosos'”

decoration

Outra cousa, non obstante, vén resultar –tal e como adiantamos máis arriba– o exercicio xornalístico ou, mellor, artístico-xornalístico. Doutores ten a igrexa que poidan establecer debidamente o diagnóstico desde o plano da fisiopatoloxía clínica e/ou da neuropsiquiatría; con todo, e desde aqueles coñecementos máis accesibles, tal semella estarmos diante dun caso, “de libro”, dun transtorno narcisista da personalidade; que Bosé veña ou non teatralizar a súa (suposta) experiencia vital tanto lle ten. Ou, mellor dito: se existe realmente a tal teatralización, esta viría ser un apartado máis para confirmar a referida patoloxía. Unha patoloxía transformada, iso si, en moi atractiva narrativa televisiva.

E diante de Narciso, mitificado e (case) divinizado, velaí Jordi. Ou, para sermos exactos, Jordi, o ser humano, “un dos nosos”.

Escribíao nos pasados días, e desde estas mesmas páxinas, a amiga Marcela Santorun respecto da relación que se establece entre Clarice Starling/Jodie Foster e Hannibal Lecter/Anthony Hopkins en O silencio dos cordeiros: “Canto máis se humaniza Clarice, máis se deshumaniza Lecter”. Pois ben; canto máis ascende aos ceos Bosé, moito máis está na terra, cando nós, Jordi. Porque mortos os antigos deuses, transformados en fume, poeira e sombra os seus sacerdotes, e sen que nada poida remprazalos ao certo, este que vivimos, preñado de contradicións, si que parece o tempo dos humanos. Benvidos e benvidas todos a el! Iso si e por se acaso –dito/escrito vaia en taurino Dominguín–: “¡Qué Dios reparta suerte!”.

Compartir el artículo

stats