Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

Amizades valiosas

Cando fago amigos o mundo alégraseme. Así me describiu a amizade unha alumna de 8 anos tempo atrás. Unha desas reflexións brillantes que só se poden facer dende os ollos dun neno. Para eles, o descubrimento da amizade é unha das experiencias máis importantes da súa infancia, un vínculo que viven cun entusiasmo contaxioso.

Amais dos evidentes beneficios que a amizade ten para os nenos, a ciencia demostrou tamén a súa influenza na saúde das persoas a longo prazo. Como mostra, os resultados dun prestixioso estudo realizado pola universidade de Harvard sobre o ámbito da felicidade. Nesta investigación, fíxose un seguimento dun amplo grupo de persoas ao longo de 75 anos, realizándoselles periodicamente chequeos médicos e psicolóxicos co obxectivo de analizar que factores influían no seu benestar ao longo dos anos. A conclusión da investigación é reveladora: o factor que resultou máis influente para que chegaran á vellez con mellor ou peor estado de saúde, tanto a nivel físico coma psicolóxico, foi a calidade das relacións que estableceran ao longo da súa vida. Curioso, verdade? O tipo de vínculos que establecemos durante a adultez ten maior influencia no benestar psicolóxico que factores coma o nivel socioeconómico, o cociente intelectual, o poder ou mesmo a xenética.

Non obstante, os adultos esquecemos a miúdo a importancia deste vínculo. Pode que o entorno social no que nos movemos, cada vez máis frenético e competitivo, sexa, en parte, o causante deste esquecemento. Estamos inmersos nunha cultura individualista, competitiva, onde a necesidade de destacar e de aparentar (sobre todo en redes sociais) son valores en alza. Baixo estas circunstancias, que como sinalaba Ortega y Gasset deben ser tidas en conta para explicar a nosa conduta, semella complicado establecer vínculos de calidade coas demais persoas, aquilo que os gregos chamaban amizade virtuosa. Este tipo de amizade require desprazar a atención dun mesmo ata a outra persoa, esforzándose por coñecela e ao mesmo tempo deixándose coñecer; un proceso case artesanal, coma ben lle lembraba o raposo ao Principiño nun fermoso fragmento deste clásico da literatura. Nesta coñecida escena, o Principiño pídelle a un raposo que acaba de coñecer que xogue con el para axudarlle a aliviar a súa tristeza. Mais o raposo contéstalle que non pode xogar con el porque non está domesticado. Que significa domesticar? Pregunta o Principiño. Ao que o raposo responde: significa crear lazos. Para min non es máis que un rapaz semellante a cen mil rapaces e non te necesito; e ti tampouco me necesitas, pois eu non son para ti máis que un raposo semellante a cen mil raposos. Pero, se me domesticas, teremos necesidade o un do outro. Serás para min único no mundo. Serei para ti único no mundo.

Coido que domesticar a alguén e ser domesticado por alguén é unha das mellores formas de facer que este estraño mundo se nos alegre.

*Mestre e veciño de Xaxán

Compartir el artículo

stats