Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eleccións e poder simbólico na Real Academia Galega

Acaban de convocarse eleccións na Real Academia Galega (RAG) e quixo o azar que coincidisen coas do Real Madrid e, abofé, malia a aparente distancia significativa algo teñen en común ambas institucións: pouca democracia interna, excesiva teatralización, escenografías grandilocuentes, tópicos como expresión, etc., etc... De calquera xeito, son datas propicias para facer balance destes últimos catro anos de xestión no seo da institución galega, tan maltratada como infrautilizada.

Na procura de imaxes expresivas capaces de sintetizar a xestión da RAG nestes catro últimos anos, propoño dúas fotografías furtadas ao público nas páxinas oficiais da institución pero que acadan sentido pleno como metáfora cabal, distanciada de eufemismos e hipérboles innecesarias. Estamos a referirnos, en primeiro lugar, a aquela instantánea na que aparece o presidente da Academia proferindo o pregón do cocido de Lalín rodeado de chourizos e xamóns.

En segundo lugar propoñemos como resumo da xestión do señor Fernández F. a fotografía da celebración das Letras Galegas dedicada a Carvalho Calero onde aparecen o presidente e secretario da RAG escoltando a Alberto Núñez Feijoo, que exerce como presidente do acto pechando as intervencións na honra do intelectual homenaxeado.

Son dúas fotografías que nos levan desde a frivolidade innecesaria do Carnaval lalinense á cesión incomprensible da autonomía e independencia da institución.

Se analizamos o significado e connotacións que estas dúas imaxes proxectan teremos unha radiografía da xestión da actual executiva da RAG. Por unha parte, a festa gastronómica que nada necesita, dada a alta calidade do produto, dunha institución que debería poñer o acento noutras cousas. E nada necesita a RAG, pola outra, do cocido de Lalín como non sexa a degustación que os seus membros teñan a ben facer, sen lapelas ocultas. Xa que logo un acto tan innecesario como grotesco.

Máis dramatismo encerra a segunda e derradeira foto co secretario e presidente da RAG exercendo de benemérita escolta a un presidente da Xunta que preside a sesión do plenario da institución académica. Todo un símbolo da cesión de soberanía e independencia que debería ser principio irrenunciable da Real Academia Galega.

No medio destas dúas fotografías, un baleiro absoluto, unha institución que navega sen rumbo, sen discurso, sempre acompañada dos “ruídos” e das modas máis irreleventes. A política cultural da RAG está marcada polas efemérides: defuncións, centenarios, Letras Galegas e fotos conmemorativas. O rumbo está sempre marcado polas conmemoracións. Zorréganse homenaxes a cada folla do dicionario de efemérides. Tal é a obsesión que últimamente son homenaxeados todos os académicos “afectos” nunha especie de recompensa póstuma inusitada neste tipo de institucións e que ten que deixar abraiada a unha sociedade que ve esmorecer o seu idioma e a súa cultura.

"Con estes vimbios será difícil transmitir á sociedade que a lingua é un signo externo de riqueza"

decoration

Pero no medio deste desnortamento non esquecen compostelanizar a institución que se nutre de lingüistas, de historiadores, de escritores, de profesores e de sacerdotes, pero todos da Universidade de Santiago e adscritos maioritariamente ao ILG ou ao Consello da Cultura Galega. Tal é así que as decisións que se toman veñen debatidas en sedes alleas compostelás onde, por certo, se celebran a maioría das reunións de traballo. Nos estatutos e regulamento fundacionais con sentido anticipatorio corrixíanse estas desviacións con criterios xeográficos nos nomeamentos, que agora, a falta de norma, deberían ser sustituídos polo sentido común.

A RAG mantivo históricamente un discurso cívico de autoafirmación, distanciada prudentemente do poder alomenos ata a chegada á presidencia da mesma de García Sabell e o grupo Galaxia. Cando se estaba a proxectar un horizonte de prudente distanciamento do poder político con Barreiro e Ferrín, as direccións de Alonso Montero ou de Freixanes, que son a mesma, levaron de novo o barco institucional aos ancoradoiros do poder.

Con estes vimbios será difícil transmitir á sociedade que a lingua é un signo externo de riqueza. Para poder comunicar con garantías esta mensaxe esencial de autoestima requírese estar en posesión dun poder simbólico que, como dicía Bourdieu, só está ao alcance dos que obteñen o recoñecemento suficiente para impoñer recoñecemento.

*Académico Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats