Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Presenza de Francisco Brines

Leo que Brines, altísimo poeta, foi premiado co Cervantes. Mesmo diría que lle retardaron tal premio en exceso. Se ollamos para atrás, reconstruimos un Brines de corpo moi móbil por uns corredores de azulexo racionalista, funcionais até a grima. Falo da facultade de Filosofía e Letras daquela universidade que, atravesando modas e políticas, foise chamando Central, de Madrid e Complutense. Xa saben que a Falange universitaria tiña fixación co cardeal Cisneros e que o escudo daquel rexente foi tamén o do Sindicato Español Universitario. Contra o SEU, e contra o nacionalcatolicismo, resistiu activa e intimamente Francisco Brines, poeta potente de apariencia volátil.

Naquelas clases de Filoloxía Románica, e dun mesmo curso, saíron varios premios Adonais na segunda metade dos anos 50 do pasado século. Referímonos a unha época na que o premio Adonais era o que ditaba o canon lírico en poesía en lingua castelá. Despois do Adonais, Brines foi laureado con todos os premios de España, e moi merecidamente. Non merece el, nembargantes, ser considerado un autor dependente en exclusiva de Luis Cernuda. Para min, a soberanía do poeta de Oliva é evidente así nos intres de dureza esencializadora coma naqueles nos que pode amosar unha pouta crítica ou mesmo satírica.

"O poema de Brines inquieta e esperta pola súa claridade. Non abouxa co luxo das nocións nin da linguaxe espectacularmente tensionada"

decoration

Valenciano de expresión castelá, posibelmente de familia orixinaria en Asturias, Brines (nado en 1932) foi un dos grandes da súa xeración literaria en España que prestou atención á poesía galega. Educado por Dámaso Alonso, e pola hexemonía académica, para considerar a Rosalía de Castro de En las orillas del Sar coma a voz poética máis fonda e anovadora do seu tempo, el atreveuse a disentir. Brines dixo, por exemplo en Ourense e no Pen Club que a mellor Rosalía canta en galego e, precisamente, en Cantares Gallegos. Non en Follas Novas: en Cantares Gallegos.

O poema de Brines inquieta e esperta pola súa claridade. Non abouxa co luxo das nocións nin da linguaxe espectacularmente tensionada. Di con sinxeleza que resulta iluminativa, ás veces coma un Juan de la Cruz materialista instalado no tránsito do tempo e sen intencións místicas. Así lemos nós a poesía de Francisco Brines, novo premio Cervantes e amigo de Rosalía e de Galicia.

Compartir el artículo

stats