Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

“Un jinete cabalgaba hacia el ocaso”

Que en Vigo se editase en 1863 o libro ‘Cantares Gallegos’ de Rosalía pode marcar a vocación literaria da cidade. É sabido que, nos inicios dos 50 do século pasado, as editoriais Monterrey e Galaxia hexemonizaron o campo do libro galego. Menos difundido é o feito de que na cidade da oliveira tivese unha das súas orixes a novela española de quiosco na súa variante do Oeste.

Despois da guerra civil, tres foron os autores de novela do Far West que gozaron das preferencias dun vasto público así mozo coma adulto: J. J. Mallorquí, Fidel Prado e Marcial Lafuente Estefanía. Os tres tiñan un pasado militante republicano e víronse obrigados a escribir resmas e resmas de páxinas de novela popular para sobreviviren nunha posguerra fascista que lles resultaba hostil. Os tres, máis ou menos de lonxe, seguían o modelo de Zane Grey e os especialistas non encontran neles pegadas dos contos de Bret Harte que tanto aprezou Borges. O tema californiano e españolizante, ao modo de El Zorro, chamou moito a atención de J.J. Mallorquí, quen se fixo famoso cun Coyote que, debuxado por Freixas, vestía moi ben de charro ao estilo Jorge Negrete.

Parece que, aniquilado o exército republicano, M.L. Estefanía estivo preso un tempo. Ao saír á rúa, desterrárono lonxe de Madrid. Ordenáronlle o confinamento en Vigo, onde tiña que presentarse puntualmente na BPS, o mesmo ca o arquitecto Fernando Gallego e outros madrileños derrotados. Estefanía, daquela, asociouse cun libreiro de Vigo, Barrientos, e ambos fundaron a editorial Cíes que tratou, con éxito, de se impor no ramo da edición de novelas populares do xénero do Oeste. Estas levaban o selo de Colección Rodeo, que, andados os anos, se trasladaría a Madrid xunto co propio Estefanía. Este voltou, todos ou case todos os veraos que lle restaron, á Praia América porque tiña especial cariño pola ría e pola cidade de Vigo.

Na celebración do pasado Día do Libro Infantil e Xuvenil eu notei en falta un recordo especial e galego de Estefanía e da Editorial Cíes. No quiosco de Sequeiros, na Avenida das Camelias desta cidade, comprobo que seguen vendéndose as noveliñas de vaqueiros de M.L.Estefanía. Eu gostei moito, e case en secreto, delas. Ás veces coido ver entre soños un xinete que cabalga cara o ocaso: fermoso lugar común.

Compartir el artículo

stats