Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

No futuro do “no future”

Andan a profetizar, determinar... certos investigadores en Ciencias Sociais, gurús da historia das mentalidades... –velaí, sen ir máis lonxe, o caso de Mr. Nicholas Christakis, recoñecido especialista da cousa, vinculado á célebre Universidade de Yale– que, por volta do 2024, e considerando que, nunha perspectiva histórica, sempre se veu rexistrar un período de liberación logo de rematada unha gran crise, haberemos de vivir unha sorte de “marcha atrás” moi semellante a aquilo que aconteceu nos “tolos anos 20” do pasado século. Isto é: a xente procurará, si ou tamén, unha maior interaccción social. Acudiremos, pois –ou acudirán, un servidor ten a idade que ten, ai!–, a clubes nocturnos, manifestacións socio-políticas, restaurantes, eventos deportivos, recitais... ao tempo que a relixiosidade entrará en retroceso, que aceptaremos unha maior tolerancia ao risco e que gastaremos os moitos/poucos cartos que aínda non puidemos, non soubemos ou non quixemos destragar. Xa que logo, a epifanía do derroche económico e mais esoutra do desenfreo sexual constituirán, seica, o novo modelo social a seguir. En fin; repasen Vdes., se lles parece oportuno, as páxinas da última entrega –Apollo’s arrow...– asinada por D. Nicholas, aos oportunos efectos.

Certamente, o autor destas crónicas semanais carece de coñecementos/argumentos para contrastar con esoutros que, de xeito brillante, esgrimen o Sr. Christakis e aínda outros analistas de postín. En todo caso, o que si podo verificar –e poden, asemade, comprobalo todos os, sempre moi amables, lectores– é que aquela década do charlestón –James P. Johnson e Runnin’ Wild en Broadway– vén corresponderse cunha xeira na que, malia a problemática existente –velaí os desaxustes entre sobreprodución e subconsumo (derivados dunha moi desigual distribución da renda); eis os excedentes agrícolas; a difusión das medidas proteccionistas...–, os valores bursátiles non deixaron de subir e subir e volta a subir. Mais non, iso si, como directa consecuencia dos beneficios reais das empresas senón apenas pola expectativa de beneficio das mesmas. Unha confianza, un creto e ilusións tales que os investimentos en bolsa foron aportados, entón, a partir dos empréstamos concedidos polos bancos, polo que o diñeiro non foi dar nas mans dos inversores produtivos senón na pura e dura especulación. Como queira que uns cantos, moitos, de Vdes. son cinéfilos, aproveiten para (re)visionar As uvas da ira ou Danzade, danzade, malditos.

“Segundo Rockefeller, se é capitalismo, non é para todos; se é para todos, non é capitalismo”

decoration

Segundo algúns relatos, foi o limpabotas; de acordo con outros, tratábase do chófer. En calquera caso, a lenda explica que un bo día dese célebre ano, 1929, John D. Rockefeller –“es mi nombre, Rockefeller,/gano mil millones al mes”, de acordo coa cantiga ad hoc– estaba sentado diante, ou á beira, do seu interlocutor cando este lle foi explicar, con todo luxo de detalles, como era que había que manexarse exitosamente en Wall Street. “Cando ata o teu limpabotas (ou o teu chófer) sabe como investir en bolsa, ese vén ser o momento de retirarse”, seica reflexionou o creador da Standar Oil Trust. Traducido agora ao noso roman paladino noroccidental: “Se é capitalismo, non é para todos; se é para todos, non é capitalismo”.

Moi para alén do célebre magnate nortamericano, e nestes pasados días, os diferentes medios de comunicación deron conta dunha senlleira noticia: velaí que os moi expertos traders dun coñecido broker online alemán, e en xeito de roadshow –así, en inglés, a cousa queda guay del Paraguay, tope total–, pretenden percorrer, polo visto, toda a comunidade galaica e parte do estranxeiro para levar a termo un curso gratuíto, dirixido a tutti quanti, co obxectivo de deprender(nos) como temos, en efecto, que colocar como lle cómpre os nosos aforros no parquet do Ibex35. “Tu trabalhas todo o ano,/na lota deixam-te mudo./Chupam-te até o tutano,/chupam-te até o couro cabl´udo”, cantaba o gran Zeca Afonso e, xa que logo, escépticos, impíos e revoltés han de dubidar ben respecto da solidez e eficacia da oferta. Non obstante, non deixa de ser verdade igualmente que, a pesar de todos os pesares, tal semelle que haxa quen ande a deseñar xa un futuro; isto é, un futuro para o no future que nos aflixe. Retornaremos así a Ítaca?

Sentenzou, da súa parte, Karl Marx (18 de Brumario de Luís Bonaparte) que a historia se repite dúas veces. Pois ben; sabido é por todos a enorme desfeita que lles foi seguir aos “felices 20” e mais ao crack e as súas consecuencias. Con todo, confiemos que desta volta a reiteración, en forma de farsa, veña ser esa mesma artellada por outro Marx: o xenial Groucho, convertido en surrealista presidente de Libertonia, en Duck Soup. Deste xeito, cabe agardar que toda unha formidable alianza de bos e xenerosos nos axude a derrotar os malvados dirixentes da pérfida e cruel Sylvania, co que comerecemos perdices e, agora si, riremos felices.The end? The happy end! (Para Xosé Feixó).

Compartir el artículo

stats